Avia Veira: "Os postos de traballo na Coruña destrúense de cen en cen"
A Coruña, 4 de xuño de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira reclamoulle esta mañá ao Goberno do Sr. Negreira que teña o fomento do emprego como principal prioridade na súa liña de actuación, nunha cidade onde o número de persoas desempregadas ascende a 23.970 persoas, 121 persoas máis que o ano anterior, o Goberno municipal debería ter como prioridade a xeración de postos de traballo.
En declaracións aos medios, sinalou que os datos do desemprego, que indican que hai na cidade 383 persoas menos no paro respecto ao mes anterior, hai que tomalos con cautela. Aínda que é positivo que na Coruña haxa menos persoas no desemprego o certo é que se están a destruír postos de traballo de cen en cen, sen que o Goberno do Sr. Negreira faga nada por evitar que A Coruña se converta nun deserto industrial, afirmou. Citou os recentes exemplos de Santa Bárbara, Darty, Teleperformance, Caramelo e Atento.
Ademais, advertiu de que o escaso emprego que se está a crear é un emprego de carácter temporal e precario e puxo de manifesto, ao repecto, que a crise non pode servir para que traguemos con todo.