O BNG aposta pola creación dun banco de locais comerciais
A Coruña, 9 de maio de 2013.- Ante o peche de estabelecementos comerciais na cidade da Coruña, o Grupo Municipal do BNG aposta pola creación dun banco de locais comerciais, a través do desenvolvemento dunha normativa de baixos orientada á procura da rexeneración do pequeno e mediano comercio nos barrios da cidade. A este respecto, as nacionalistas lembran a boa experiencia dos bancos de terra impulsados polo BNG desde a Xunta de Galiza.
A situación desoladora que vive o comercio na Coruña require de medidas como a elaboración dunha listaxe de baixos comerciais, que inclúa os baleiros e en desuso, para a súa oferta en réxime de aluguer barato. Deste xeito, poderíase revitalizar as actividades do pequeno e mediano comercio.
As nacionalistas advirten da importancia do sector do pequeno e mediano comercio non só na economía e no emprego da Coruña, senón tamén no propio pulso de vida da cidade. Nesta liña, salientan que o comercio tradicional forma parte do modelo que defende o BNG e poñen de manifesto que unha cidade fundamentada en grandes centros comerciais baleira as rúas, desertiza a cidade e diminúe a vida da propia cidade.