O BNG advirte de actuacións contrarias do Goberno municipal con licenzas en Someso

O BNG advirte de actuacións contrarias do Goberno municipal con licenzas en Someso

A Coruña, 28 de xuño de 2013.- A Xunta de Goberno Local vén de desestimar conforme á legalidade o recurso de reposición interposto por Construcciones Fontenla S.A. contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 16.11.2012 polo que se declara caducada a licenza para a construción dun edificio na parcela 11.2 do sector S-7 do Recinto Feiral e tamén acordou desestimar conforme á legalidade o recurso de reposición interposto por UTE Aparcamiento S2 contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 16.11.2012 polo que se acorda declarar caducada a licenza para a construción dun aparcadoiro mancomunado na zona II do sector S-7 do Recinto Feiral. Neste caso, apunta o Grupo Municipal do BNG, o Goberno do Sr. Negreira actuou segundo dita a lei, despois de ter beneficiado o Sr. Fontenla coa modificación do Plan Parcial de Someso, unha modificación aprobada na sesión plenaria de setembro de 2011, cando xa gobernaba o Partido Popular.

Chama a atención, sinalan as nacionalistas, que o Goberno municipal non actuara coa mesma dilixencia nun caso practicamente igual, que xa denunciara o BNG: o caso do aparcadoiro soterrado na parcela S-11 do S-7, Recinto Feiral de Someso, proxecto da autoría de César Otero Grille, actual director de Urbanismo do Concello da Coruña. Neste caso, ao contrario das desestimacións acordadas esta mañá, o Goberno municipal decidiu outorgar en data de 23.02.2013 o subrogamento de licenza e a prórroga de licenza xa caducada para a construción deste aparcadoiro soterrado. No expediente Informe-Proposta de 30.01.2013, coa conformidade do propio Otero Grille e do concelleiro de Urbanismo, sinálase que o prazo outorgado na licenza de 23.05.2008 "venceu en decembro de 2010" e que a solicitude presentada en novembro de 2012 (sobre a cal que resolveu a XGL de 23.02.2013) "é en si mesma extemporánea". Queremos pensar, salientan as nacionalistas, que a prórroga desta licenza caducada non ten a ver co feito de que o Sr. Otero Grille fora o redactor do proxecto Grupo Tau Coruña S.L-Taller de Arquitectura e Urbanismo, entidade coa que o actual director de Urbanismo tivo unha dilatada relación profesional.

Casos practicamente iguais

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que, no caso do aparcadoiro, o 16.11.2012 declarouse caducada a licenza outorgada á UTE Aparcamiento S2 como consecuencia de inclumplir as condicións fixadas en dita licenza. E é que, tal e como indica o informe proposta, “estando acreditado que la obra no se inició en el plazo de seis meses desde la concesión de la licencia (el plazo límite para iniciar la obra era agosto de 2009) y, desde luego, que la obra no se puede ejecutar por haberse modificado el planeamiento a instancia de los propietarios del ámbito es obvio que la licencia que deviene es inejecutable”. Tamén no caso do edificio, o informe proposta advirte de que a desestimación do recurso vén determinada por “haber incumplido las condiciones fijadas en dicha licencia, en particular, el plazo de ejecución concedido para iniciar las obras”.

No caso da licenza do aparcadoiro cuxo proxecto foi redactado polo Sr. Otero Grille, o informe-proposta de 30.01.2013 sinala que “da documentación aportada infírese que resta por executar case o 100% da obra (só se certifican actuacións previas e baleirado…” e que “o 25 de abril de 2012 compróbase que as obras non tiñan comezado”. E malia todo isto, o Goberno municipal concedeu a prórroga, no canto de actuar conforme dita a lei, tal e como fixo nas desestimacións acordadas en Xunta de Goberno Local desta mañá. O Grupo Municipal do BNG recorreu no seu día a prórroga da licenza, mais o Goberno do Sr. Negreira tombou o recurso das nacionalistas.

 

O BNG advirte de actuacións contrarias do Goberno municipal con licenzas en Someso