O BNG responsabiliza o PP do peche e dos despedimentos de Santa Bárbara
A Coruña, 26 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG responsabiliza o Partido Popular do peche das instalacións de Santa Bárbara e do despido dos traballadores, dado o desleixo e pasividade tanto da Xunta de Galiza, do Goberno central e do Goberno municipal, xa que o Sr. Negreira nin sequera se esforzou en pedir a implicación dos seus compañeiros do partido con responsabilidades na Xunta de Galiza e nos Ministerios de Industria e de Defensa. As nacionalistas lamentan que os esforzos do alcalde, só de aparencia (facer que fai), por pedirlle máis tempo a General Dynamics para quedar ben cos traballadores, non se desen de forma real, enérxica e contundente no seu día para sacar un compromiso de todas as Administracións.
A Coruña, camiño de se converter nunha fábrica de parados e paradas
O fracaso do Sr. Negreira ilústrao o feito de que a fábrica de armas da Coruña sexa a única de todo o Estado español que vaia pechar as súas portas e que despida todos os traballadores. A inacción do Partido Popular impide que a fábrica de armas diversifique a súa produción ao eido civil e que, deste xeito, se garanta o mantemento do emprego. Co peche inminente de Santa Bárbara a desindustrialización da nosa cidade e da nosa comarca acrecéntase, sen que o PP, á fronte de todas as institucións, faga nada por evitalo. A este paso, advirten as nacionalistas, A Coruña está a piques de converterse nunha fábrica de parados e paradas.