O BNG cualifica de ostentosa e de excesiva a cabalgata de reis
A Coruña, 3 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cualifica de ostentosa e de excesiva a cabalgata de Reis do 2014, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola concelleira de Cultura. De feito, só o aluguer das carrozas está licitado en 91.960 euros, un 40% máis que o ano pasado e un 160% máis que no anterior mandato.
A edila do PP sinalou que os máis de 800 metros de cabalgata constarán de 13 carrozas, 6 trens e 5 compañías de animación, é dicir, lonxe de ser máis austera, a cabalgata de reis será maior que en anos anteriores. As nacionalistas critican que con máis crise, con 23.196 persoas no desemprego e con continuos recortes nas partidas de gasto social, o Goberno do Sr. Negreira gaste máis cartos públicos en actividades como esta.
Ao gasto da cabalgata, sumarase o do poboado lapón, cuxa construción ascende a 70.785 euros. A estes cartos haberá que engadirlles os gastos derivados da contratación da animación. En total, a construción e a animación da Laponia de María Pita custou máis de 140.000 euros.
O PP tramitou de forma urxente o expediente do concurso para o aluguer das carrozas
Pola outra banda, a edila do BNG sinala que o Goberno do Sr. Negreira tramitou de forma urxente o expediente do concurso para o aluguer das carrozas. Segundo este procedemento, o prazo de presentación de proposicións para optar a este procedemento negociado é de 8 días naturais contados a partir do siguinte ao da publicación do anuncio do procedimiento negociado na web www.coruna.es. Así, o Goberno municipal reduciu de 10 a 8 os días en que se podían presentar as propostas e, finalmente, só unha empresa se presentou ao concurso, que aínda se atopa en fase de licitación.