O BNG non pretende dar leccións, só que o Concello recupere os bens propios en Someso
A Coruña, 19 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que non é a súa intención darlle leccións a ninguén sobre o caso Someso, senón, simplemente, que se actúe tendo en conta que está máis que demostrado, no informe municipal de 15 de xuño de 2012, unha serie de irregularidades das que se derivan un claro prexuízo patrimonial para o Concello da Coruña.
O único que pretende o BNG é que o Concello recupere os bens e dereitos que lle corresponden, razón pola que as nacionalistas presentaron unha moción para que se adoptasen distintas medidas de cara a protexer os bens e intereses do Concello, unha iniciativa que non prosperou porque o Partido Popular votou en contra. Por esta razón, o Grupo Municipal do BNG remitiu toda a documentación ao Tribunal de Cuentas e non descarta emprender outro tipo de accións xudiciais ao respecto.
É e unha mágoa que o Goberno municipal perda tanta enerxía atacando o BNG en vez de dedicala a proceder contra os responsábeis da desfeita de Someso e contra os beneficiarios desta. Con independencia de que se trate dunha medida para desviar a atención cargando as tintas contra o BNG, é palpábel e todas as persoas poden constatar que, desde que se coñecen as irregularidades de Someso, o Goberno municipal en ningún momento mencionou a Paco Vázquez nin a Fontenla e demais promotores do Sector 7.
Coas críticas do PP cara ao BNG, dá a sensación de que o Goberno municipal considera que foron os nacionalistas quen se apropiaron dos bens do Concello e que son os nacionalistas os responsábeis políticos e beneficiarios desta desfeita, e non o Sr. Paco Vázquez e o Sr. Fontenla, aos que nunca cita o PP. Abonda con contar as veces que o Goberno municipal do PP cita o BNG e as veces que cita a Paco Vázquez e a Fontenla, para decatarse disto, porque Paco Vázquez e Fontenla nunca son nomeados.