O BNG négase a participar na "farsa" do PP con motivo do 8-M polos recortes de igualdade

O BNG négase a participar na "farsa" do PP con motivo do 8-M polos recortes de igualdade

A Coruña, 8 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG negouse hoxe a participar no acto institucional convocado polo Goberno do Sr. Negreira con motivo do 8 de marzo por tratarse dunha nova farsa do Partido Popular, que recorte tras recorte fai que a crise recaia, especialmente, nas mulleres. As nacionalistas foxen, así, do carácter testemuñal, cerimonial e anestesiante que o PP pretende darlle ao Día da Muller, unha xornada que debe ter un sentido reivindicativo e visualizador da situación de discriminación que padecen as mulleres. Ademais, o Grupo Municipal do BNG non comparte os modos do Goberno do Sr. Negreira á hora de conmemorar este día.

Lembran que no Pleno ordinario, que tivo lugar o pasado luns, o Partido Popular impediu os debates das mocións presentadas polos Grupos Municipais con motivo do 8 de marzo e sacou de diante as reivindicacións das formacións políticas coa lectura dun comunicado que non foi nin consultado co resto da Corporación e que recollía unha boa cantidade de falsidades e de incoherencias a respecto da política práctica do Partido Popular. Precisamente, as nacionalistas levaban ao Pleno unha moción en que esixían a restitución do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, que o Goberno municipal desenvolvese accións dirixidas a eliminar as desigualdades sociais e laborais que sofren as mulleres da nosa cidade, que o Concello defendese os dereitos das mulleres e se posicionase, así, contra a derrogación da Lei do aborto e que cumprise as medidas recollidas no II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes.

O BNG participará nos actos convocados polos movementos sociais

O BNG si participará nos actos convocados estes días polos movementos sociais con motivo do Día Internacional da Muller. Esta mesma mañá, a concelleira nacionalista Avia Veira participou na protesta cidadá que tivo lugar ás portas do Concello contra as políticas neoliberais do PP, que están a provocar máis retrocesos no eido da igualdade.

Ás 20h, no Obelisco, o BNG tamén asistirá ao acto lúdico-festivo convocado pola Plataforma de apoio aos COF, da que forma parte. As nacionalistas reclamarán alí, co conxunto da cidadanía, que se restitúa o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo e que se garantan os dereitos sexuais e reprodutivos das muller.

Pola outra banda, o BNG participará mañá na mobilización nacional feminista con motivo do 8 de marzo. A manifestación partirá ás 12.30h da estación de tren de Santiago de Compostela.

Ademais, este martes, 12 de marzo, as nacionalistas organizan a proxección do vídeo realizado pola Comisión de Acción Feminista do BNG, "E ti de quen vés sendo?" e un debate posterior. O acto terá lugar ás 20h na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e contará coa presenza de Goretti Sanmartín, responsábel nacional de Acción Feminista e de Rocío Fraga, activista social e feminista da Coruña.

 

O BNG négase a participar na "farsa" do PP con motivo do 8-M polos recortes de igualdade