O BNG apoia a Fademga, o alumnado do Ofimático e @s desaloxad@s do Ofimático
A Coruña, 22 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG participou esta mañá nas distintas mobilizacións da cidadanía que tiveron lugar na cidade. Así, ás 11h, a concelleira María Xosé Bravo concentrábase con Fademga para amosar o rexeitamento aos recortes e reformas do PP que supoñen unha vulneración dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Bravo denunciou que as consecuencias dos recortes son: sobrecarga das familias das persoas con discapacidade intelectual, aumento das listas de espera, un ensino menos inclusivo e de menor calidade, redución da atención temperá ou que se vexa as persoas como se fosen unha praza ou un número.
Pola outra banda, Avia Veira participou na concentración-performance da comunidade educativa no Masculino contra a supresión do Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza. O BNG oponse ao anteproxecto de lei de reforma educativa de Wert que elimina esta vía no ensino postobrigatorio. Os nacionalistas critican que se suprima unha conquista na dignificación das disciplinas artísticas. Veira advertiu de que a demanda neste Bacharelato supera, con moito, a oferta dos institutos que os imparten.
Ademais, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, participou na protesta que convocan cada día as persoas afectadas polos inminentes desaloxos polas obras do Ofimático sen teren garantido o seu dereito a unha vivenda mediante o realoxo inmediato. Carril preguntouse que sentido ten executar os desaloxos cando o Goberno municipal non garante a viabilidade da execución da urbanización (sistemas, dotación de servizos, equipamentos, infraestruturas, zonas verdes, accesos, etc).