O BNG lamenta a teima do Goberno do PP por sacar adiante a feira taurina
A Coruña, 4 de xuño de 2014.- O Grupo Municipal do BNG lamenta a insistencia do Goberno Local en sacar adiante a feira taurina tras quedar deserto a licitación da organización e explotación deste evento que non ten ningún interese cultural pois trátase dun espectáculo violento e sanguento que nada ten a ver coa tradición cultural de Galiza, nin de sustento social, pois cada vez a rexeitan máis cidadás e cidadáns.
As nacionalistas sinalan que por moito que a concelleira de Cultura, Ana Fernández, desexar o contrario, e fale de que hai peñas e afeccionados que a reclaman, os datos son teimudos e revelan a falla de interese do pobo coruñés. O que debería facer a Sr. Fernández, aproveitando que quedou deserta a licitación, é deixar de prestar atención un minuto máis a este evento e non volver a subsidiar, nin directa nin indirectamente con cartos públicos actividades destas características no Concello da Coruña.