Novo sensentido da política de persoal do PP: o traslado de educador@s sociais dos centros cívicos
A Coruña, 4 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno municipal que terá lugar o vindeiro luns unha iniciativa sobre a decisión do Goberno do Sr. Negreira de trasladar educadores e educadoras sociais duns centros cívicos a outros, uns traslados dos que vén de ter coñecemento o BNG. As nacionalistas advirten de que o traslado das educadoras sociais de referencia suporá un grave prexuízo para as familias e para os menores cos que traballaban estas profesionais. Isto significa que o Goberno do Sr. Negreira volve camiñar no sentido contrario do que indican as profesionais, as persoas expertas e mesmo a lexislación.
Este traslado, que non responde a ningún criterio técnico, prodúcese despois do proceso de desmantelamento dos servizos sociais iniciado polo Partido Popular coa centralización dos centros cívicos e coa eliminación das traballadoras sociais que atendían en todos estes equipamentos. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG critica o modelo asistencialista e de beneficencia do Partido Popular, que se basea en máis subvencións para entidades benéficas e menos cartos para servizos públicos, tal e como vén de amosar coa aprobación inicial do modificativo de crédito na última Xunta de Goberno Local. Deste xeito, o PP cercena o dereito das persoas a acudir aos servizos sociais para remitilas a un servizo asistencial e de caridade.
O BNG denuncia a política de persoal do PP, caracterizada pola desorganización que afecta de xeito negativo a moitas áreas e servizos do Concello
Estes traslados enmárcanse na política de persoal do Partido Popular, caracterizada por unha desorganización que afecta de xeito negativo a moitas áreas e servizos do Concello. Ao caso do traslado das educadoras sociais e das traballadoras sociais dos centros cívicos, súmase o caso dos traballadores e traballadoras do rexistro, onde a falta de persoal está a crearlle graves prexuízos tanto á cidadanía como á propia Administración.
O Grupo Municipal do BNG pon como exemplo da nefasta política de persoal do Goberno do PP o feito de que en 3 anos de goberno non se ofertara nin un só concurso de traslados. Outra mostra son os nomeamentos a dedo feitos polo PP, que trouxo ao Concello da Coruña persoal doutras Administracións. É o caso do xefe de servizo de persoal, que tan só lle durou catro meses no posto. Esta provisionalidade está a ocasionar mermas na calidade dos servizos prestados, desmotiva os e as empregadas municipais e prexudica en maior medida á cidadanía.