Bravo: "A marca PP é a loita contra @s pobres e non contra a pobreza"
A Coruña, 5 de xuño de 2014- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que a marca PP é a loita contra os pobres e non contra a pobreza, na medida en que o Sr. Negreira emprega a policía local para resolver os problemas que non resolven os Servizos Sociais do Concello. A edila do Bloque argumenta as súas declaracións nas multas ás persoas que remexen no lixo e ás que se dedican á venda ambulante.
O Partido Popular castiga con multas as persoas famentas, salienta, só unha administración inhumana, insensíbel e prepotente, só un estado policial, manda a policía contra as persoas que pasan fame. Tal e como reflicte a memoria de xestión da policía local correspondente ao 2013, rexistráronse 19 denuncias por manipulación contedor lixo. Pola contra, nin a memoria de xestión do 2011 nin a do 2012 recollen sancións por buscar comida nos colectores.
Desde o BNG entendemos que se está a facer un uso fraudulento e inxusto da ordenanza de limpeza para castigar as persoas en situación de pobreza extrema que se ven na obriga de buscar alimentos que os Servizos Sociais non son quen de fornecerlles, sinala María Xosé Bravo, quen vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita para coñecer, entre outras cuestións, onde está tipificada esa infracción contra a ordenanza municipal de xestión de residuos e limpeza urbana.
O PP segue a manter unha actitude belixerante contra a venda ambulante
A concelleira do Bloque non esquece o castigo do Goberno do Sr. Negreira á venda ambulante e acúsao de seguir mantendo esa actitude belixerante contra as persoas que se dedican a esta práctica. Porén, a edila nacionalista pon de manifesto que as reiteradas denuncias feitas polo BNG e por ONG non caeron en saco roto, xa que o número de decomisos diminuíu nun 13% respecto do ano anterior, o annus horribilis do 2012, onde os decomisos se incrementaron nun 42%.
Podes consultar nesta ligazón as preguntas escritas