O BNG insta a Negreira a cumprir a moción en apoio @s praceir@s de Santa Lucía
A Coruña, 13 de xaneiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Sr. Negreira que, como alcalde, debe cumprir todos e cada un dos puntos da moción aprobada por unanimidade de todos os grupos no pleno de outubro de 2014 en defensa dos postos de traballo dos praceiros e praceiras do mercado de Santa Lucía. Sinaladamente, o relativo ao compromiso adquirido por todos os grupos municipais da corporación municipal en virtude do cal os praceiros e praceiras deste mercado poidan continuar coa súa actividade no propio barrio mentres teñan lugar as obras de rehabilitación do inmoble.
Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a darlle cumprimento ao segundo punto moción aprobada, que sinalaba que logo de que as obras de rehabilitación lles imposibilite seguir traballando nos seus postos, articular as medidas necesarias mentres se realicen estas obras de rehabilitación para que os praceiros e praceiras poidan continuar coa súa actividade nun lugar habilitado para tales efectos no propio barrio.
As nacionalistas fan esta advertencia despois de que o Goberno do Sr. Negreira anunciara que os praceiros e praceiras poderían seguir nos seus postos só até o 26 de xullo de 2015. Unha medida que se deu a coñecer xusto despois de que os praceiros e praceiras entregasen por rexistro 4.000 sinaturas en apoio das súas xustas reivindicacións, e a través da cal semella que o Goberno Local quere desentenderse do compromiso aprobado por unanimidade no pleno, adiando a resolución do problema a xullo de 2015, xusto despois das eleccións municipais.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Goberno do Sr. Negreira que o terceiro punto da moción aprobada recollía que despois da finalización das obras se adoptarían as medidas correspondentes para que os praceiros e as praceiras puidesen incorporarse aos postos que se ofertasen no novo edificio do mercado de Santa Lucía -sempre a través dos procesos selectivos correspondentes- tendo en conta a experiencia e os anos de dedicación con profesionalidade e atención destas persoas.