O BNG denuncia na Lonxa os inxustos criterios da UE que sofre a frota pesqueira da Coruña

O BNG denuncia na Lonxa os inxustos criterios da UE que sofre a frota pesqueira da Coruña

A Coruña, 13 de xaneiro de 2015- O portavoz parlamentar de Pesca do BNG, Daniel Rodas, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a concelleira do BNG Avia Veira reuníronse na mañá de hoxe cos responsábeis da Lonxa da Coruña para trataren os inxustos criterios impostos por parte da Unión Europea en relación á pesca.

As cotas pesqueiras, o afogamento que sofre a pesca do litoral e a indefinición da política de descartes centraron a xuntanza de Daniel Rodas, Ana Miranda e Avia Veira cos representantes da Lonxa da Coruña, que lle expuxeron ao Bloque a iniciativa rexionalizadora de especies como a xarda e o xurelo como unha maneira de fuxir do sometemento destas especies ás cotas abusivas.

Pola súa banda, o BNG presentou o traballo desenvolvido en defensa da pesca tanto no Parlamento de Galiza como no Congreso dos Deputados, no Parlamento europeo e no Concello da Coruña. Precisamente, no mes de outubro, o Grupo Municipal do BNG presentaba na sesión plenaria do mes unha moción para garantir a supervivencia da frota do cerco, a arte menor da frota con maior peso no porto da Coruña, unha iniciativa que foi tombada polo Partido Popular.

Na mesma liña, Rodas, Miranda e Veira volveron amosar o rexeitamento do Bloque ao actual modelo de reparto na pesca da xarda que estabelece a Unión Europea (UE) por ser altamente discriminatorio e apostaron por modificar o actual reparto de cotas. Tamén denunciaron a nula capacidade que se lle dá a Galiza para negociar as políticas relativas á pesca e acusaron a UE de lexislar desde o papel e non desde a realidade.

 

O BNG denuncia na Lonxa os inxustos criterios da UE que sofre a frota pesqueira da Coruña