O BNG insta o Goberno municipal a actuar contra os desafiuzamentos
A Coruña, 26 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a actuar para evitar os desafiuzamentos na nosa cidade, como o da anciá desaloxada do Ensanche, un caso do que informan hoxe os medios de comunicación. As nacionalistas lamentan que o Goberno municipal tombara a moción presentada polo BNG no Pleno de decembro de 2012, unha iniciativa que fora elaborada conxuntamente con colectivos que traballan neste eido, STOP DESAHUCIOS e ARQUITECTOS SEN FRONTEIRAS. Nese mesmo Pleno, o PP aprobaba unha moción carente de valor, xa que nin sen sequera recollía a dación en pago, que fora presentada no último momento, un xesto evidente de lavado de conciencia.
Ademais de recoller a dación en pago, a modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, e da Lei de Enxuiciamento Civil, o aluguer social da vivenda, a posibilidade de converter a hipoteca nun aluguer, un fondo económico especial, unha bolsa de vivenda social, unha oficina de asesoramento e outras medidas completas, o BNG recollía actuacións a acometer desde o eido municipal. E é que desde os Concellos, é posíbel evitar os desafiuzamentos. De aí que lle esixan o Goberno do Sr. Negreira adoptar medidas que axuden as persoas que van ser expulsadas dos seus fogares.
Desde o ámbito municipal, as nacionalistas pedían na moción crear unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos que estudase a posibilidade de axudas ao aluguer e de axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación. Ademais, solicitaban que se lles esixise ás entidades bancarias a paralización dos desafiuzamentos en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento. E, no suposto de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello proceder, sempre e cando non prexudicase aos veciños e veciñas, a prescindir dos servizos que lle prestasen ao Concello.