É ridículo que o alcalde critique o BNG por pedir que se recupere o que corresponde en Someso

É ridículo que o alcalde critique o BNG por pedir que se recupere o que corresponde en Someso

A Coruña, 26 de xaneiro de 2013.- Ao Grupo Municipal do BNG parécelle ridículo que o alcalde da Coruña critique con vehemencia ás nacionalistas por pediren que o Concello recupere os bens e dereitos que lle corresponden polas irregularidades que tiveron lugar en Someso.

Unha vez máis, as críticas ao BNG pretenden servir para desviar a atención, cun único fin: seguir silenciando a Paco Vázquez, principal responsábel da desfeita urbanística, e a Fontenla, principal beneficiario. Os ataques ao BNG por parte do Goberno municipal, quen segue sen citar os “innomeábeis”, sonan a xustificación.

 

Quen pasteleou realmente?

Se se fala de pasteleos, non hai que esquecer que, desde agosto de 2011, quen está pasteleando en Someso co Sr. Fontenla é o Goberno municipal do Sr. Negreira, quen desde que asumiu a Alcaldía favoreceu o promotor, precisamente, onde tiveron lugar as irregularidades urbanísticas. Menos de dous meses despois de coller o bastón de mando, o Sr. Negreira canceláballe indebidamente cargas urbanísticas os promotores (Xunta de Goberno Local de 9 de agosto de 2011). Outro dos agasallos, en setembro de 2011, foron as dúas modificacións do Plan Parcial de Someso, para mellorar o aproveitamento urbanístico de solares e aumentar o número de vivendas. Ademais de outorgar licenzas contrarias á legalidade, beneficiando os mesmos promotores, aínda hai apenas dous meses, o 16 de novembro de 2012, a Xunta de Goberno Local declaraba caducadas licenzas urbanísticas en beneficio do Sr. Fontenla.

En definitiva, o Grupo Municipal do BNG considera que o Concello ten que recuperar os bens e intereses que lle corresponden polas actuacións irregulares en Someso.

É ridículo que o alcalde critique o BNG por pedir que se recupere o que corresponde en Someso