O BNG insiste en solicitar unha rúa para Ánxel Casal cando se cumpren 77 anos do asasinato
A Coruña, 19 de agosto de 2013.- 77 anos despois do asasinato de Ánxel Casal a mans do franquismo, o Grupo Municipal do BNG insiste en solicitarlle unha rúa da cidade. As nacionalistas aínda descoñecen a postura do Goberno do Sr. Negreira respecto do rogo presentado para dotar a Ánxel Casal dunha rúa da cidade. Por iso, préganlle ao Goberno municipal que acepte a iniciativa que lle fixo o BNG a 17.02.2012 para o recoñecemento institucional deste galego ilustre que ten contribuído a que a cidade da Coruña sexa máis galega e, ao mesmo tempo, ten contribuído a que Galiza sexa máis coruñesa.
Ánxel Casal Gosende naceu na praza da Fonte de Santo André da Coruña o 17 de decembro de 1895 e foi un membro moi activo das lrmandades da Fala. Fundou na Coruña en 1924 a editorial Lar, xunto a Leandro Carré Alvarellos. Nela imprimíronse publicacións como A Nosa Terra, na que participou, ou a revista Nós. Editou literatura, ensaio, historia, propaganda.... e foi o editor dos grandes da nosa cultura. Mestre nas Escolas do Insiño Galego, escolas gratuítas e en galego que funcionaron na Coruña entre o ano 1924 e 1930 (primeiro na Praza de María Pita, 17, e máis tarde na Rúa Real, 36), foi membro moi activo do Conservatorio de Arte Galega da Coruña. En 1931 participa na creación do Partido Galeguista, partido polo que foi concelleiro e, posteriormente, alcalde de Santiago de Compostela. Vicepresidente da Deputación da Coruña e membro do Comité Central da Autonomía ingresa no cárcere de Santiago o 4 de agosto do 1936 e é asasinado tan só 20 días despois, o 19 de agosto de 1936 .
Castelao dixo "Casal por Galiza fixo máis que todos nós". A arma deste home, ao que os seus amigos definían como persoa amábel, cortés, teimudo, de gran corazón, amigo dos seus amigos, loitador e traballador incansábel era a súa fábrica de palabras situada primeiramente na rúa Real da Coruña e logo na rúa do Vilar de Compostela.
O Grupo Municipal do BNG quere lembrar a súa figura e dignificar e pór en valor a tantos homes e mulleres que como Casal morreron por defender a legalidade, a liberdade, unha sociedade máis xusta e unha Galiza dona do seu futuro.