O BNG insiste en revisar a concesión da Cía de Tranvías ante o "saqueo" do pobo
A Coruña, 2 de xaneiro de 2014- O Grupo Municipal do BNG insiste en reclamar a necesaria revisión da concesión da Compañía de Tranvías, así como da fórmula polinómica para o cálculo do billete, como única alternativa ao saqueo que sofre o pobo. Amais de ter que pagar, entre todas e todos, maiores subvencións á Compañía de Tranvías, as persoas usuarias viron como o billete xenérico subiu en 15 céntimos, o bonobús xeral, en 12 céntimos e o bonobús social, en 7 desde que o Sr. Negreira é alcalde.
Así, o Bloque critica que A Coruña sexa das cidades co bus máis caro de todo o Estado español, un bus que desde o día 1 subiu a 1,30 euros co billete ordinario e a 0,85 co bonobús xenérico. E isto, a pesar de que a Compañía de Tranvías recibiu do Concello 8,74 millóns en subvencións en 2012 (último ano do que se coñecen os datos), o que lle permitiu ter 4,66 millóns de euros de beneficios (último ano do que se coñecen os datos). Para o BNG, o principal culpábel deste roubo é o Partido Popular, que teima en seguir beneficiando a Compañía de Tranvías en detrimento do pobo coruñés.