Rosana Pérez denuncia no Congreso a supresión das axudas ás hipotecas en Novo Mesoiro
A Coruña, 1 de xaneiro de 2013.- A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, vén de presentar unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar para emprazar o Goberno central a restituir as axudas ás hipotecas, que foron suprimidas mediante un Real Decreto Lei de 2012. Esta supresión, sinala o BNG, está a prexudicar miles de familias e persoas con débedas hipotecarias. No caso concreto da Coruña, a supresión aféctalle, nomeadamente, as persoas que residen no barrio de Novo Mesoiro. Calcúlase que só neste barrio hai máis de 400 familias afectadas.
A deputada do BNG explica nas iniciativas que o Goberno central suprimiu através do artigo 35 do Real Decreto Lei 20/2012 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria, as axudas de subsidiación de préstamos do Plan de Vivenda 2009-2012, e mesmo foi máis alá ao facer unha lectura retroactiva do artigo que afecta ao Plan de Vivenda da Xunta de 2005-2008.
É alarmante que só se adopten medidas que recaen no peto da cidadanía máis necesitada
Rosana Pérez sinala que eran axudas a hipotecas moi beneficiosas para miles de familias, que se viron gravemente afectadas pola súa eliminación. O malestar das moitas das persoas afectadas chegou á Defensora del Pueblo, que realizou un informe contrario á interpretación extensiva do artigo 35 en que aconsella a revisión e o abono das axudas recoñecidas, mesmo censurando o carácter retroactivo da lei, afirma a deputada do BNG.
Para a parlamentar nacionalista nun momento como o actual, no que as familias atravesan por situacións moi complicadas e onde o pagamento das hipotecas é unha lousa que pesa demasiado sobre as economías domésticas, resulta totalmente censurábel que o Goberno do Partido Popular elimine as poucas axudas que existían neste ámbito. E máis censurábel aínda que teña carácter retroactivo.
Neste contexto, Rosana Pérez demándalle ao Executivo a recuperación destas axudas hipotecarias, anular o carácter retroactivo da lei e proceder ao abono das axudas recoñecidas con anterioridade ao cambio normativo aplicado en 2012.