O BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que priorice o fomento do emprego entre as mulleres
A Coruña, 3 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que priorice o fomento do emprego nas súas accións, nomeadamente, entre as mulleres. Un mes máis, as mulleres volven ser as principais prexudicadas da crise. De 22.791 persoas que se rexistraron nas listas do desemprego no mes de decembro, 11.933 son mulleres e 10.858 son homes.
As nacionalistas, que se alegran da baixada do paro no mes de decembro, advírtenlle ao PP de que desde que o Sr. Negreira goberna hai 2.791 persoas máis no desemprego e 5.000 afiliados e afiliadas menos á Seguridade Social. O BNG sinala que a caída da afiliación á Seguridade Social apunta a diversos fenómenos, desde a emigración ás persoas paradas de longa duración que xa non renovan as inscricións nas listaxes ao teren esgotadas as prestacións.
O Bloque insiste en reclamarlle ao Sr. Negreira que contribúa ao impulso dos sectores produtivos da cidade: o sector marisqueiro coa rexeneración da ría do Burgo e da área do emisario de bens, as actividades marítimo-pesqueiras e portuarias, a universidade, a industria ou o comercio tradicional.