O BNG faise eco da preocupacións d@s veciñ@s sobre o desenvolvemento das obras da praza das Conchiña
A Coruña, 1 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG faise eco da preocupación da veciñanza sobre o desenvolvemento da urbanización da superficie da praza das Conchiñas, que se pregunta como vai quedar a praza ante o achique de espazo que perde a causa das dúas mamotretas xardineiras que se construíron (aínda quedan outras tres).
As nacionalistas salientan que a veciñanza se queixa de que non coñece o proxecto e advirte de que o que se pode observar polo de agora non confirma que a praza vaia ter espazos libres multifuncionais. Deste xeito, o espazo, que antepón o deseño sobre a funcionalidade, non favorecería o intercambio nin a relación das veciñas e veciños.
O Grupo Municipal do BNG lembra que a praza das Conchiñas, até o inicio das obras do aparcadoiro soterrado, en maio de 2013, era das escasas zonas verdes das que dispuña a Agra do Orzán, o barrio máis populoso da cidade. Este espazo verde adoitaba ser frecuentado como zona de lecer por boa parte dos seus moradores, sobre todo maiores e familias con crianzas. A decisión do Goberno Local de facer un aparcadoiro soterrado de pago, que xunto a reurbanización das rúas adxacentes Fuente Álamo, Corcubión e Avenida das Conchiñas custará perto de 3 millóns de euros, conlevou a eliminación do espazo. As nacionalistas sinalan que dito aparcadoiro de pago só vai beneficiar as persoas con máis recursos e non vai resolver o problema de conxestión de tránsito e de estacionamento do barrio, e recordan que, moi perto da praza das Conchiñas, hai un aparcadoiro, o da Rolda de Outeiro, que está medio baleiro todos os días.