O BNG evidencia as contradicións do Goberno local coas prazas do aparcadoiro das Conchiñas
A Coruña, 17 de xullo de 2014.- O Goberno Local tivo a ocorrencia de ampliar un 25% as prazas do aparcadoiro das Conchiñas por mor das supostas peticións da veciñanza e dos comerciantes cando tan só, segundo as Contas anuais de EMVSA, hai 40 prazas reservadas das 116 proxectadas.
As nacionalistas preguntaronlle ao Goberno Local (achégase dixitalizada a pregunta escrita) para o pleno de maio o número de prazas que había reservadas tras as declaracións que o alcalde fixo nunha visita ás obras do aparcadoiro soterrado das Conchiñas no que manifestaba que o concello decidira modificar o proxecto, acrecentando un 25% as prazas por mor das peticións da veciñanza e dos comerciantes. Mais o Goberno Municipal obviou contestar a pregunta das nacionalistas (achégase resposta dixitalizada), sinalando que o aparcadoiro dispón de dous sotos, o soto 1 dedicado a rotación cun total de 114 prazas, e o soto 2 está dedicado a concesión ou aluguer cun total de 116 prazas, 45 máis no soto 2 que as previstas no proxecto orixinal.
No entanto, sinalan as nacionalistas, as Contas anuais de EMVSA, que se levarán á Xunta Xeral Ordinaria o vindeiro luns, salientan no seu informe de xestión de 2013 que tan só hai reservadas 40 prazas, das 116 proxectadas para a concesión ou aluguer (a memoria de xestión de 2012 falaba que tiña reservadas 72 prazas).
As nacionalistas sinalan que cos datos que se teñen a día de hoxe, a decisión de ampliar o aparcadoiro foi unha ocorrencia máis do Partido Popular que supón un custe maior e unha ruína para EMVSA, xa que como sinala o informe de xestión a construción do aparcadoiro necesita financiamento adicional.
O BNG lembra o saldo negativo de 123.294,76 euros de EMVSA e a situación económica delicada e de falta de solvencia motivada polas múltiples e variadas encomendas, moitas das cales non lle deberían corresponder, do Goberno do Sr. Negreira, que fai que no seu informe de xestión de 2013 anuncie que EMALCSA adquirirá o 49% do seu capital.