O BNG denuncia a actitude despótica do Sr. Negreira coa veciñanza dos Castros e do Ofimático

O BNG denuncia a actitude despótica do Sr. Negreira coa veciñanza dos Castros e do Ofimático

A Coruña, 8 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia a actitude despótica, propia de tempos pasados, do Goberno do Sr. Negreira, ao reprimir e ao coaccionar movementos sociais que protestan, pacificamente, contra as súas políticas. O último caso tivo lugar onte, cando o Sr. Negreira enviou axentes da policía local para identificar veciñas e veciños afectados polos desaloxos inminentes do Ofimático cando se concentraban de xeito cívico nunha das pasarelas de Alfonso Molina. Participaba na mobilización a concelleira do BNG Avia Veira, que se identificou, voluntariamente, perante a policía local.

Trátase da segunda ocasión en que o Goberno municipal envía a policía local para identificar as persoas que participan nas frecuentes concentracións pacíficas da veciñanza afectada polo Ofimático co fin de coaccionalas e amedrentalas. Os propios veciños identificados lamentan que o Sr. Negreira lles impida visibilizar e sensibilizar a cidadanía coa súa problemática.

O Grupo Municipal do BNG lembra que o pasado xoves o Sr. Negreira tamén enviaba unha brigada de policía e de bombeiros a retirar unha pancarta inofensiva da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros que, simplemente, sinalaba “A rúa é da veciñanza. Non á mediana da Gaiteira”, baixo ameazadas de multas.

Estas prácticas antidemocráticas e nas que o alcalde emprega a policía con fins políticos súmanse aos desaloxos e identificación de persoas que asisten aos Plenos municipais. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG considera inaceptábel que o Sr. Negreira impida que a cidadanía poida manifestarse e opinar coa normalidade e lexitimidade que debería ser desexábel.

Os nacionalistas, que están do lado da cidadanía, esíxenlle ao Sr. Negreira que abandone a actitude autoritaria e prepotente e se poña do lado do pobo e non dos seus amigos poderosos. Pídenlle, ademais, que deixe de disuadir os veciños e veciñas cando manifestan, lexitimamente, as súas opinións, aínda que a el non lle gusten. Lembra, por último, o BNG que o alcalde aínda non recibiu nin as persoas afectadas polos desaloxos do Ofimático nin a veciñanza, comerciantes e hostaleiros prexudicados polas obras da Gaiteira. “Máis diálogo e menos represión”, conclúen os nacionalistas.

 

O BNG denuncia a actitude despótica do Sr. Negreira coa veciñanza dos Castros e do Ofimático