A ordenanza de terrazas aprobouse co consenso e apoio da Asociación Provincial de Hostalaría
A Coruña, 11 de abril de 2015- A aplicación da normativa municipal que regula a instalación de terrazas en espazos públicos, que entrou en vigor o 14 de xuño de 2013, segue a ser noticia despois de que a Asociación Provincial de Hostalaría lle pedira ao Concello negociar os requirimentos da ordenanza. Ante isto, o Grupo Municipal do BNG advirte de que esta normativa foi aprobada co coñecemento, o consenso e o apoio da Asociación Provincial de Hostelaría e salienta que, como todas as normativas, foi elaborada para ser cumprida.
Neste sentido, as nacionalistas sinalan que se vén confirmar o que viñan denunciando desde hai meses: uns locais de hostalaría cumpren e outros non, malia que todos coñecían tanto o contido da ordenanza municipal como o seu cronograma, pois tanto o contido como o cronograma foron consultados coa entidade provincial que representa a hostalaría. Precisamente, as nacionalistas teñen formulado preguntas en sesión plenaria para denunciar a permisividade do Goberno do Sr. Negreira cos estabelecementos hostaleiros que instalaban as terrazas sen autorizacións.
O Grupo Municipal do BNG, que votou en contra da normativa de terrazas por ser arbitraria e contraria á seguridade xurídica, sinala que o Concello debe garantir que a instalación de terrazas en espazos públicos debe ser compatíbel co dereito do pobo ao uso do espazo público. E isto, advirten as nacionalistas, non se está a garantir a día de hoxe.