O BNG denuncia que o Sr. Negreira discrimina o galego na escola infantil da Agra do Orzán
A Coruña, 23 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira discrimina a lingua galega na escola infantil municipal da Agra do Orzán á vista do prego técnico regulador do contrato de xestión indirecta, mediante concesión administrativa, deste servizo público (recollido no perfil do contratante do Concello).
Nas cláusulas administrativas do prego de condicións recóllese a valoración do inglés con até dez puntos e omítese toda alusión á lingua galega. Así, no apartado dos criterios de valoración sinálase no seu punto cuarto:Proyecto de aproximación a la lengua inglesa, donde se plasme la forma en la que se propone el cumplimiento del artículo 18.2 del reglamento: principios metodológicos, organización de contenidos y horas semanales de exposición a la lengua inglesa, y su inclusión en el proyecto educativo de la escuela, hasta 10 puntos.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a valoración con até 10 puntos do proxecto de aproximación ao inglés e a omisión da lingua galega contradi o artigo 18 do Regulamento Municipal de Escolas Infantís, que recolle o carácter plurilingüe. Este artigo di, no seu punto primeiro, que o persoal da escola utilizará na aula a lingua materna predominante entre os seus menores e considerará a lingua dominante no contorno, adoptará as medidas necesarias para que adquiran o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza de acordo coas súas capacidades neste ciclo e no seu artigo segundo recolle que polo menos nas unidades correspondentes aos 2-3 anos, garantirase por parte da concesionaria e en colaboración co SME, unha primeira aproximación á lingua inglesa.
O BNG critica as tarifas das escolas infantís
O Grupo Municipal do BNG critica as tarifas das escolas infantís municipais, que o Sr. Negreira as encareceu no segundo ano de goberno o 5,45% (66 euros ao ano) no caso da tarifa xeral e o 4,26% no caso das familias con menos recursos.
As nacionalistas tamén reproban o prezo das escolas infantís da Xunta de Galiza, que o PP incrementou dos 110 euros que se pagaban no curso 2011-2012 aos 163,52 euros actuais. Ademais de encarecer as tarifas das escolas infantís, a Xunta tamén aumentou o prezo do comedores, dos 33 euros que se pagaban no curso 2011-2012 aos 71,54 euros que se pagan na actualidade.