O BNG exixe a comparecencia do ministro do Interior polo asasinato do afeccionado do Dépor
Madrid, 1 Decembro 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia do Ministro de Interior para que acuda á Cámara a explicar a ausencia dun dispositivo de seguridade horas antes do partido de fútbol entre o Atlético de Madrid e o Deportivo de A Coruña onte domingo.
Ante a gravidade do acontecido onte nas inmediacións do estadio Vicente Calderón, Rosana Pérez quere que Jorge Fernández explique a que se debeu a falla de control policial horas antes do inicio do partido cando ultras do Frente Atlético paseaban pola ribeira do Manzanares con material violento desde primeiras horas da mañá, e sobre todo, pídelle ao ministro que dea explicacións sobre a demora na aparición de efectivos policiais no lugar dos terríbeis enfrontamentos que custaron a vida a un seareiro do Deportivo.
A deputada do BNG pídelle ao titular de Interior que aclare cómo é posíbel que un partido de fútbol destas características non fose obxecto dun maior control policial dados os antecedentes históricos existentes con faccións de ideoloxía neonazi como a de Frente Atlético.
Feitos que non pode quedar impunes
A parlamentar nacionalista tamén presentou unha batería de preguntas por escrito ao Ministerio de Interior no mesmo sentido, e formula preguntas sobre cuestións máis concretas. Non cre o Ministerio que de ter existido vixianza policial no lugar dos feitos se tivera evitado a morte de Javier Romero Taboada? Canto tempo permaneceu o seu corpo no río antes de ser resgatado? Comprobou o Ministerio de se se tratou dun enfrontamento organizado ou de se foi unha emboscada? En caso de ter sido algo organizado, Cómo é posíbel que a policía non o tivera detectado?.
Ademais, Rosana Pérez pide explicacións sobre o retraso na chegada de efectivos policiais, sobre as razóns de non ter suspendido o partido e como se explica que na competición estiveran seareiros ultras do Frente Atlático após do sucedido. A deputada do BNG demanda unha investigación en profundidade e a depuración das conseguintes responsabilidades polos clamorosos fallos de seguridade.
Na iniciativa parlamentar Rosana Pérez fai explícita a nosa máis firme condena de todo tipo de violencia nos espectáculos deportivos, veñan de quen veñan porque non teñen cabida no mundo do deporte. Considera que os feitos de onte, no que foi asasinado un seareiro do Deportivo, non poden quedar impunes e precisan dunha serie de aclaracións polo que consideramos unha terríbel falla de previsión perante unha competición futbolística deste calibre e dados os antecedentes históricos existentes.
A parlamentar do BNG fai unha descripción do acontecido, enfatizando as importantes lagoas no protocolo de seguridade. Así, salienta o feito de que desde primeiras horas da mañá ultras do Frente Atlético estiveran paseando pola ribeira de Manzanares con barras de ferro, paos, e roubando sillas e coitelos das cafetarías cercanas, sen que constase presenza policial. Logo, o feito de que non houbera dispositivo de control á chegada dos autobuses onde agardaban 150 ultras neonazis do Frente Atlético con todo tipo de material violento.
Pregúntase Rosana Pérez como habendo unha unidade da policía especializada en redes sociais non se detectou nada previamente cando alí apareceron outros grupos como os Bukaneros do Rayo e os Ultra Boys do Sporting. Reprocha ás autoridades que non se tivera suspendido o partido cando noutras ocasións si se fixo. E critica a tardanza na chegada de efectivos policiais ao lugar dos feitos, cando o seareiro do Depor asasinado levaba xa tempo no río. Preguntámonos se ise tería sido o desenlace de ter existido un dispositivo policial con antelación.
Ademais, critica que se deixara pasar a ultras de estrema dereita do Frente Atlético ao partido despois do que sucedeu. É isto normal?. Rosana Pérez pide que o Ministerio de Interior debe abrir unha investigación en toda regla porque o sucedido require de explicacións e da asunción de responsabilidades.