O BNG condena o asasinato do afeccionado do Depor e cuestiona a actuación policial
A Coruña, 30 novembro de 2014- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña condena o lamentábel asasinato do afeccionado do Deportivo a mans dos ultras neonazis do Atlético de Madrid e transmítelle as súas condolencias á familia e achegados do home falecido e a toda a familia deportivista.
Pola outra banda, o BNG critica que a Federación Española de Fútbol non suspendese o partido entre o Atlético de Madrid e o Deportivo e denuncia que o encontro entre ambos os equipos non foi declarado de alto risco, malia ser a inchada ultra do Atlético moi violenta coas afeccións das nacións do Estado español e malia os antecedentes de agresións aos afeccionados e afeccionadas do Deportivo nos desprazamentos á capital de España. Precisamente, o Bloque lembra que o vindeiro 8 de decembro se cumpren 16 anos do asasinato do afeccionado da Real Sociedade Aitor Zabaleta a mans do sector ultra da inchada do Atlético de Madrid.
Ademais, o BNG da Coruña cuestiona a actuación das forzas de seguridade españolas, pois a Policía Nacional española é moi tibia para evitar enfrontamentos como o que tiveron lugar esta mañá en Madrid e é moi belixerante cando se trata de reprimir os movementos nacionalistas.