O BNG esíxelle ao Sr. Negreira que reciba a veciñanza da Gaiteira e a escoite para consensuar a obra
A Coruña, 12 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG apoia as demandas da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, apoiadas por máis de 1.700 sinaturas, contra as obra da Gaiteira, cun custo de 956.000 euros e que proxectan unha mediana que deixará dividida a rúa. A concelleira Avia Veira acompañou esta mañá os representantes da entidade veciñal no momento en que presentaban no rexistro central de María Pita as sinaturas. Veira insiste en pedirlle ao alcalde que cambie de actitude e reciba e escoite a veciñanza para consensuar esta obra.
Veira cualifica como excesivo o gasto de case 1 millón de euros na reforma da Gaiteira e propón non substituír mobiliario urbano que se atope en bo estado, co fin de aforrar cartos públicos. Ademais, advirte da duración prevista das obras: 11 meses, un espazo temporal que prexudicará, notabelmente, comercios e locais hostaleiros da zona.
Sobre a mediana que critican os veciños e veciñas, a concelleira do BNG sinala que se trata dunha mostra máis da inutilidade do desmantelamento da mediana da Avenida de Oza, que foi tirada, simplemente, para cumprir un capricho electoral do PP e non en resposta a requirimentos técnicos nin de seguridade. "Consideramos unha tomadura de pelo que o Goberno municipal recorrera á seguridade para tirar a medianeira da Avda. de Oza, que custou 300.000 euros, cando prevé agora montar outra, con farois, árbores e bancos, nunha rúa estreita e peonil como é A Gaiteira", sinala. Advirte Veira da incomodidade que suporá esta mediana para as e os peóns e para o transporte de mercadorías, xa que os vehículos non poderán acceder facilmente aos estabelecementos hostaleiros.