O BNG pide no Parlamento manter e reforzar o COF do Ventorrillo
A Coruña, 6 de febreiro de 2013.- O Grupo Parlamentar do BNG, a instancias do Grupo Municipal do BNG do Concello da Coruña, rexistrou unha batería de iniciativas, entre elas unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno en que lle pide á Xunta de Galiza manter e reforzar o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo (COF), co fin de garantir a continuidade do servizo.
Na iniciativa, asinada polos deputados Carlos Aymerich e Francisco Jorquera, ponse de manifesto que o COF do Ventorrillo era un centro modelo en materia de asesoramento afectivo-sexual e planificación familiar que atendía as mulleres de 32 concellos da área da Coruña, cun cadro de persoal integrado por un xinecólogo, unha enfermeira, unha traballadora social e unha auxiliar de enfermería.
Coa xubilación do xinecólogo, o centro comezou a derivar as usuarias o COF de Orillamar, que xa atendía 90.000 mulleres. Así, un xinecólogo e unha xinecóloga están a atender en Orillamar máis de 152.000 mulleres cando, segundo os parámetros da OMS, para esta poboación debería haber, como mínimo, outra xinecóloga.
Aymerich e Jorquera critican que "mentres financia entidades integristas que lle negan ás mulleres o pleno desfrute dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, a Xunta de Galiza está disposta a pechar un COF que atendía boa parte das mulleres da contorna da Coruña e que contaba cunha experiencia e bo facer acumulados ao longo de trinta anos".
Esta batería de propostas súmase á pregunta oral formulada por Avia Veira no Pleno ordinario de xaneiro. A nacionalista dera entón conta das atencións inmediatas que se prestan no COF, como a anticoncepción de urxencia, os trámites para o aborto -só en Orillamar atenderon 667 casos durante 2011-, a atención e o asesoramento da demanda de anticoncepción, a instauración e a revisión do método, os exames de saúde xinecolóxica, a prevención do cancro de mama e de cérvix... De aí que Veira acusara o PP de "poñer en risco a saúde das mulleres por non poder atender con inmediatez estas necesidades, como nos manifestou o propio persoal do COF de Orillamar".
Por último, o BNG da Coruña anuncia o seu apoio ás mobilizacións e propostas das traballadoras e usuarias dos COF.