O BNG critica que custe máis ir de Porta Real ao Obelisco que da Coruña a Oleiros
A Coruña, 3 de xaneiro de 2014.- Ante a negativa do Partido Popular a revisar a concesión da Compañía de Tranvías e da fórmula para o cálculo do billete, o Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de favorecer os intereses desta empresa en detrimento do interese xeral dos veciños e das veciñas.
En base a esta concesión, cada ano aumentan as subvencións municipais que lle outorga o Concello a esta empresa e aumentan, tamén, as tarifas. O Bloque critica que o Sr. Negreira subira en 15 céntimos o billete ordinario, en 12 céntimos o bonobús xenérico e en 7 céntimos o bonobús social desde que é alcalde da Coruña.
O Grupo Municipal do BNG salienta que o saqueo aos petos da veciñanza da Coruña é tal e que desde o día 1, coa mesma tarxeta (o bonobús xenérico) custa máis ir en bus de Porta Real ao Obelisco (0,85 euros) que da Coruña a Oleiros (0,84 euros).