O BNG pide no Parlamento a suspensión da minicentral na que ten intereses a edil de Cultura

O BNG pide no Parlamento a suspensión da minicentral na que ten intereses a edil de Cultura

A Coruña, 3 de outubro de 2013.- A deputada do BNG Ana Pontón presentou esta mañá en rolda de prensa, acompañada do responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, e da portavoz do BNG en Cambre, Mariví Amor, unha batería de iniciativas presentadas no Parlamento de Galiza contra o aproveitamento hidroeléctrico dos ríos Mero e Barcés. Entre as iniciativas, destaca unha proposición non de lei para paralizar a tramitación da construción do proxecto minicentral no encoro de Cecebre, no río Mero, concedido a Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L., empresa vinculada á concelleira de Cultura da Coruña, e para deixar sen efecto as autorizacións concedidas até a actualidade.

Na rolda de prensa, Ana Pontón lembrou que existe un acordo do Parlamento galego, recollido no Plan Hidrolóxico Galiza Costa, que consiste en non autorizar novas minicentrais nos ríos galegos, dada a sobresaturación que hai. De aí que advertira de que se o Parlamento de Galiza desestimar a proposición non de lei do BNG estaría a incumprir o plan. Amais de reclamar a suspensión da construción da minicentral, o BNG solicitou o acceso aos expedientes hidrolétricos concedidos pola Xunta de Galiza nos ríos Mero e Garcés. A deputada nacionalista tamén rexistrou unha serie de preguntas para coñecer todos os detalles sobre os aproveitamentos hidroelétricos previstos nestes ríos.

“A situación é tan descarada que a Xunta de Galiza e o Concello da Coruña asinaron un convenio que conleva a construción dun túnel para trasfegar a auga de Meirama a Cecebre só para facer rendíbel a minicentral”

“Só a defensa de intereses privados, que nada teñen a ver co interese xeral, xustifican que a Xunta de Galiza siga adiante co proxecto de minicentral no río Mero”, expuxo Ana Pontón. “A situación é tan descarada que a Xunta de Galiza e o Concello da Coruña asinaron un convenio que conleva a construción dun túnel para trasfegar a auga de Meirama a Cecebre”, salientou. Explicou a nacionalista que o túnel para trasfegar a auga “é unha peza clave” na construción da minicentral, pois “a comarca terá maior garantía de abastecemento e polo tanto a minicentral tería maior capacidade de produción”, ao non existir o uso prioritario, que é o subministro de auga potábel. E afirmou que “curiosamente, este trasvase non aparece contemplado na propia planificacion de Augas de Galiza sobre os problemas da seca en Galiza”.

Nesta liña, a deputada do BNG puxo de manifesto que a minicentral “non ten xustificación nin desde o punto de vista da produción enerxética (en Galiza temos sobreprodución), nin desde o punto de vista do abastecemento de auga (existe auga suficiente na comarca) e menos desde o punto de vista ambiental (xa que a minicentral provocará a morte do ecosistema do río Mero)”. “O único motivo que existe detrás do trasvase que se construirá en virtude deste convenio é a defensa de intereses privados aos que están vinculados cargos electos do PP”, denunciou Ana Pontón. A parlamentar do BNG acusou o PP de usar as institucións para beneficiar militantes seus e de abandonar o interese xeral.

“O PP acusaba o BNG de facer ciencia ficción á vez que Minicentrales Eléctricas de Galicia lle solicitaba autorización á Xunta”

Pola súa banda, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, aludiu ás declaracións realizadas polo Goberno municipal da Coruña que, no Pleno de setembro de 2012, acusaba o portavoz do BNG de practicar “ciencia ficción” e negaba de xeito explícito que se for construír a minicentral. Lembrou que mentres o PP daba estas declaracións, a empresa solicitaba perante a Xunta a autorización para estabelecer a liña eléctrica para conectar a minicentral á rede de Unión Fenosa. Tamén apuntou que en maio deste ano a Xunta de Galiza resolveu darlle luz verde á declaración de impacto ambiental.

Ademais, Paulo Carballada, que reivindicou “un río Mero sustentábel”, insistiu nas consecuencias medio ambientais da construción da minicentral perspectiva medio ambiental reivindicou un río Mero sustentábel. “Este proxecto ameaza a biodiversidade xerada ao redor do río e mais a existencia do propio río, que xa viu mermada a súa calidade ambiental cando se construíu a presa”, sinalou o nacionalista. De feito, advertiu de que a construción da minicentral suporía a morte do río, dado o impacto que tería nas especies que o habitan.

Reclamámoslle a Emalcsa o IBI da presa de Cecebre e esiximos que Cambre forme parte do Consello de Administración de Emalcsa

Tamén fixo fincapé nos problemas ecolóxicos que provocaría a minicentral a portavoz do Grupo Municipal do BNG en Cambre, Mariví Amor. “Para o BNG de Cambre, o río Mero non é un negocio, senón un valor medio ambiental e ecolóxico”, afirmou. A concelleira nacionalista aproveitou para emprazar o Sr. Rivas a lle reclamar o Sr. Negreira que lle pague a Cambre o IBI da persa de Cecebre. Reclamou, tamén, que o Concello de Cambre pase a formar parte do Consello de Administración de Emalcsa. “Non ten sentido que Carral forme parte do Consello de Administración e Cambre, non”, concluíu.

 

 

O BNG pide no Parlamento a suspensión da minicentral na que ten intereses a edil de Cultura