O BNG empraza o Goberno municipal a solicitar a medición da radiación das antenas de teléfono
A Coruña, 16 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha iniciativa sobre as antenas de telefonía móbil co fin de coñecer os niveis de radiación que emitirían. Nunha pregunta para a resposta escrita, a concelleira Avia Veira faise eco das inquedanzas da veciñanza de Monte Alto ao redor das antenas de telefonía móbil que se van implantar no número 16 da rúa Vixía e no 4 de Santo Tomé, dúas antenas que obtiveron a licenza na Xunta de Goberno Local do 3 de maio.
Advirte a edila do BNG que no informe-proposta se recolle que a propia operadora está disposta a medir os posíbeis niveis de radiación nos puntos da contorna sinalada pola propia veciñanza a fin de comprobar que non exceden os límites de exposición que fixa o regulamento. De aí que a nacionalista pregunte se o Goberno municipal solicitou xa medicións de radiación en contornas próximas a antenas xa instaladas e se pensa solicitar estas medicións nas antenas que van ser instaladas nas rúas Vixía e Santo Tomé de Monte Alto.
O BNG denuncia que o Goberno municipal defende os intereses das operadoras en vez de defender os intereses da veciñanza
Pola outra banda, Avia Veira denuncia que o Goberno do Sr. Negreira segue a tramitar os intereses das operadoras de telefonía móbil en detrimento dos intereses da veciñanza. Aínda a Xunta de Goberno Local do pasado venres aprobou licenza para a actividade de estación de base de telefonía móbil.
A concelleira do BNG volve reclamar a modificación da ordenanza municipal que regula a implantación de antenas de telefonía móbil. Sinala que na modificación debería deixarse claro que a taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público por empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil debe impoñerse, unicamente, aos titulares das redes e estabelecendo criterios de cuantificación da taxa sen relación aos ingresos ou cota de mercado.
Ademais, Avia Veira insiste en reclamar que se suspenda a tramitación e o outorgamento de novas licenzas até a modificación da ordenanza municipal (en base á sentenza do Tribunal Supremo de 24 de abril de 2012), pola que se anulan varios artigos da ordenanza municipal da Coruña).