O BNG denuncia que hai máis de 600 locais comerciais pechados só na Agra do Orzán
A Coruña, 17 de xuño de 2013.- Máis de 600 estabelecementos comerciais pechados só na Agra do Orzán. Este é o balance do estudo elaborado polo Grupo de Barrio do BNG sobre a situación comercial da zona máis densamente poboada da Coruña. Para dar a coñecer estes datos entre a veciñanza, a concelleira Avia Veira visitou esta mañá o barrio. En declaracións aos medios, a edila nacionalista criticou, duramente a pasividade do Goberno municipal ante os máis de 600 locais comerciais sen actividade ningunha na Agra do Orzán e volveu reivindicar a aposta do BNG para o comercio: a creación dun banco de locais comerciais, con algueres a prezos asequíbeis.
Avia Veira puxo de manifesto que o comercio, pequenas tendas, hostalaría e mais os talleres de mecánica, de electricidade e as carpintarías... teñen un papel fundamental no desenvolvemento deste barrio, a nivel de actividade económica, de creación de emprego, de servizo á veciñanza e de vida.
O Goberno municipal eliminou os 178.474,74 euros da convocatoria de axudas públicas para novos proxectos empresariais, os 400.000 euros en axudas a fondo perdido para o comercio da Agra e mais o viveiro de empresas
A concelleira do BNG denunciou que, malia haber máis de 600 estabelecementos pechados na Agra do Orzán, o Goberno municipal dilapidou 24.200 euros en decorar locais comerciais pechados e eliminou os 178.474,74 euros da convocatoria de axudas públicas en concorrencia competitiva para novos proxectos empresariais, unha subvención que sacaba todos os anos o Concello da Coruña.
Sobre o Urbana C, a concelleira nacionalista salientou que nada sabemos do plan de dinamización e o único que sabemos é que o Goberno municipal reprogramou este proxecto e eliminou os 400.000 euros de axudas directas a fondo perdido destinados ao comercio, á hostalaría e aos talleres e suprimiu o viveiro de empresas contemplado na Agra.
Avia Veira reivindica a proposta do BNG en relación á creación dun banco de locais comerciais
Ademais das duras críticas, a concelleira nacionalista insistiu en reivindicar a proposta do BNG sobre a creación dun banco de locais comerciais, unha listaxe de estabelecementos, que inclúa os baleiros e en desuso, para os ofertar en réxime de aluguer barato.
A través dunha normativa de baixos, rexeneraríase o pequeno e mediano comercio, un dos sectores estratéxicos da Agra do Orzán e esta rexeneración incidiría non só no aspecto económico senón que axudaría a darlle vida ao barrio, sinalou Avia Veira, quen finalizou aludindo ao éxito do Banco de Terras, programa impulsado polo BNG desde a Xunta de Galiza.