O BNG empraza o Goberno municipal a retirar os postes da luz provisionais e a repoñer o cableado
A Coruña, 29 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de se interesar sobre os postes da luz provisionais que aínda permanecen ao longo das rúas da cidade. As nacionalistas preguntan que pasos desenvolveu o Concello, desde setembro de 2012, para retirar os postes e repoñer o cableado e cantos postes foron retirados desde esa data até o día de hoxe. Piden que se quiten da vida pública e se substitúa o cableado.
Tal e como expón o Grupo Municipal do BNG nesta iniciativa, a día de hoxe, existen postes provisionais nas rúas da cidade, entre outras na zona da Sagrada Familia; en concreto, nas rúas Río Tambre, Río Eume, Avda de Arteixo (á altura do Río Eume), Dolores Rodríguez Sopeña, San Jaime, Nosa Sra. De Fátima, González del Villar, Cardenal Cisneros e Río Ulla. Estes postes sobre beirarrúas e calzadas provocan as queixas da veciñanza, ao dificultaren o paso de peóns en zonas estreitas e con grandes eivas para a mobilidade. Dificultan, tamén, o estacionamento de vehículos. Moitos dos postes que aínda permanecen nas rúas citadas levan anos diante de construcións xa rematadas e con residentes morando nelas ou en obras aínda a medio facer.
Non é a primeira vez que o Grupo Municipal do BNG se interesa pola retirada de postes da luz provisionais, coa presentación de iniciativas sobre os postes de luz provisionais en Monte Alto e nos Mallos. De feito, en xullo de 2012, o Goberno do Sr. Negreira expuxo, en resposta a unhas preguntas escritas das nacionalistas, que en abril de 2012, tivo lugar unha reunión conxunta de Urbanismo, Infraestruturas, Mobilidade (Dominio Público), APROINCO e as empresas de servizos implicados en que se acordou: actualizar a listaxe de postes existentes na cidade, valorar economicamente a retirada dos que non teñen cableado para executar desde a Área de Infraestruturas, actualmente en execución, enviar ás empresas de servizos e á Área de Urbanismo a listaxe de postes con cableado para que procedan a súa identificación e detallen a súa situación administrativa e cotexar, por parte de Urbanismo, coas licenzas de obras a situación real dos postes. Porén, os postes de luz provisionais aínda dificultan a mobilidade das persoas nos barrios da cidade.