As políticas recollidas no Coruña Futura son totalmente contrarias ás que executa o Goberno do PP
A Coruña, 30 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as políticas deseñadas no plan do Coruña Futura son, completamente, contrarias ás que está a executar o Goberno do Sr. Negreira. A concelleira Avia Veira, que participou onte na contrastación das hipóteses de modelo urbano e dos proxectos estratéxicos, sinala que as propostas incluídas no Coruña Futura non son, precisamente, as que caracteriza o Partido Popular. Pon como exemplo a nula aposta do Goberno municipal polo transporte metropolitano, polos medios de transporte alternativos (como o metro ou o carril bici) e polo emprego verde, tres cuestións nas que levan insistindo anos as nacionalistas. A concelleira do BNG tamén cita o caso da ampliación de Alfonso Molina, estrada que o estudo propón transformar para que se integre na vía urbana, con carril bici e zona para peóns, características que non están contempladas na ampliación anunciada polo Goberno do Sr. Negreira.
Avia Veira insiste en criticar o dispendio de 700.000 euros nun estudo externo ao Concello que demostra que o Partido Popular carece de proxecto para a cidade. Advirte, ademais, de que no Coruña Futura todo son formulacións grandilocuentes que demostran que o PP vive nunha realidade paralela á que padecemos hoxe en día, co 20% das coruñesas en risco de empobrecemento.
Ademais, a edila nacionalista incide no impulso que o Goberno municipal lle dá ao sector privado, en detrimento do público, no Coruña Futura. E é que se propón que todos os proxectos estratéxicos sexan desenvolvidos a través das denominadas axencias zero, integradas por institucións públicas e, tamén polo sector privado. Neste sentido, alude á proposta de que o clúster da saúde sexa concibido como motor de desenvolvemento económico cando, advirte, a saúde ten que ser concibida como un servizo público, en base á rendibilidade social e nunca baseada en criterios económicos, sobre todo nun momento en que moita mocidade e as paradas de longa duración están a quedar sen prestacións sanitarias grazas ao Partido Popular.