O BNG pídelle ao Sr. Negreira que deixe de actuar como delegado do Goberno e defenda o tren
A Coruña, 29 de maio de 2013.- Ante a inminente supresión de servizos ferroviarios da liña A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que deixe de funcionar como unha delegación da Xunta de Galiza e do Goberno central e pase a defender, con unllas e dentes, a continuidade dos servizos que presta o tren na Coruña. E é que o Sr. Negreira e os seus concelleiros están a amosar unha actitude cómplice e sumisa coa Xunta de Galiza e co Goberno central para desmantelar os trens que parten ou chegan á nosa cidade.
A concelleira do BNG Avia Veira explica que Galiza padeceu uns deseños que imposibilitaron a modernización do ferrocarril e hoxe, lonxe de suplir esa discriminación, o Sr. Negreira apoia o Goberno do central e é cómplice do duro golpe aos dereitos dos coruñeses e coruñesas, aos que priva de servizos ferroviarios de calidade. De feito, Avia Veira acusa o alcalde de ser copartícipe do certificado de defunción do ferrocarril na nosa cidade. Advirte, ao respecto, de que o Goberno municipal tombou, sen sequera permitir o debate, a moción presentada polo BNG no pasado Pleno ordinario para garantir o mantemento dos actuais servizos ferroviarios que RENFE presta na nosa cidade e para solicitar políticas que fomenten o tren de proximidade e media distancia.
O Sr. Negreira será cómplice da supresión de servizos ferroviarios a Cambre, Cecebre e Oza dos Ríos
Avia Veira pon de manifesto que A Coruña precisa afortalar a comunicación pola vía interior para conectar a comarca cun ferrocarril modernizado, polo que transmite o máximo rexeitamento do BNG á pretensión do Partido Popular de eliminar liñas que funcionan. No caso da nosa comarca, en base ao Real decreto lei 22/2012, do 20 de xullo, polo que se adoptan medidas en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios, veranse reducidos os servizos ferroviarios en Cambre, Cecebre e Oza dos Ríos. Porén, advirte Avia Veira, o Sr. Negreira segue a amosarse sumiso aos ditados do seu partido, no canto de defender os intereses das persoas usuarias e potenciais usuarias do tren.
A concelleira do BNG critica que o Goberno central gaste miles de millóns de euros nunha rede de alta velocidade que dará servizo unicamente as grandes poboacións para unir Madrid co resto do Estado e á que só poderán ter acceso as persoas que teñen cartos, dado o excesivo prezo dos billetes da alta velocidade mentres lle dá o tiro de gracia ao tren A Coruña-Ferrol.