O BNG empraza o alcalde abandonar a postura inmobilista no caso Albada
A Coruña, 29 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira ten que abandonar a actitude inmobilista e ten que implicarse no conflito laboral que sofren os traballadores da planta de reciclaxe de Nostián, que se atopan en folga indefinida. O alcalde da Coruña non pode inhibirse ao tratarse dunha concesión municipal. Ademais de reivindicar a readmisión do persoal despedido, o Grupo Municipal do BNG, que acusa o alcalde de tomar parte pola empresa, reclama que Albada desista do seu intento de desmantelar o convenio colectivo e de impor unha rebaixa salarial do 15%, ademais de aumentar a xornada laboral.
As nacionalistas, en base ao que lles transmiten os traballadores, aluden ao cambio de modelo que pretende a empresa. Segundo o persoal, Albada quere converter Nostián nunha planta de transferencia de refugallos.
A cidadanía paga máis aínda que se recicla menos
Aínda que a veciñanza da Coruña e do Consorcio das Mariñas paga cada vez máis cartos pola reciclaxe do lixo, a cantidade de refugallos que se reciclan en Albada é mínima, segundo lle transmitiron os traballadores ao Grupo Municipal do BNG. De feito, o Comité de Empresa sinala que remata case todo o lixo nun vertedoiro e que hai menos postos de traballo dos que obriga a concesión, de aí que os representantes dos traballadores apunten que é imposíbel reciclar máis cantidade de lixo con menos empregados.
Fronte á mínima baixada dos residuos aos que aduce a empresa para xustificar os despedimentos e os recortes de dereitos laborais dos traballadores, Albada acadou un incremento na facturación do canon do lixo en máis de 100.000 euros no 2013 respecto do mesmo trimestre de 2012.