O BNG denuncia que a web municipal impide o acceso en galego a boa parte dos contidos
A Coruña, 24 de marzo de 2015- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a páxina web municipal, estreada o 27 de febreiro polo Goberno do Sr. Negreira, impide o acceso en lingua galega a boa parte dos contidos e servizos, de modo que se incumpre o dereito a acceder á información municipal en galego. Así, a versión da web en galego só existe de maneira parcial, de modo que esquece que o galego, como lingua propia de Galiza, éo tamén da súa administración local.
O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de esquecer o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un plan que o propio PP aprobou no Parlamento, e de incumprilo de maneira constante. Lembran as nacionalistas que o plan sinala como obxectivo que o galego sexa lingua xeral de referencia, lingua vehicular de expresión na administración tanto nas súas relacións internas como nas relacións co pobo.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que nos atopamos ante unha web incompleta ou inacabada que, por defecto, se presenta en español. O español é a lingua exclusiva de información e documentación municipal, á que segue sen poderse acceder en lingua galega. Ademais, danse casos en que se advirte que existe versión en galego e a ligazón non funciona de maneira correcta (por exemplo, os servizos tributarios). Tamén hai casos en que só están dispoñíbeis os titulares en galego, pero non o contido enteiro (por exemplo, Coruña Smart City ou o Pagamento en liña).
Pola outra banda, as nacionalistas denuncian que a versión galega está ateigada de textos, vocabulario e expresións en español, polo que lle piden ao Goberno do Sr. Negreira que corrixa, de inmediato, os erros e que complete a páxina web, de maneira que garanta o acceso das persoas internautas en lingua galega. Trátase, advirte o Grupo Municipal do BNG, de cumprir a cativa lexislación lingüística vixente.