O BNG volve denunciar a ocultación de datos de partículas en suspensión na web do Porto
A Coruña, 24 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG volve denunciar a ocultación de datos relativos á emisión de partículas en suspensión da web da Autoridade Portuaria. Desde o día 20 de agosto, a Autoridade Portuaria non fai públicos os datos das partículas PM10, nin os horarios nin os diarios. As nacionalistas advirten da importancia de que se fagan públicos estes datos, pois é a maneira de saber se se cumpre o Real Decreto 102/2011, que estabelece que non poden superarse os 50 µg/m³ máis de 35 veces ao ano.
Non é a primeira vez que o Bloque denuncia a ocultación das cifras que amosan a emisión de partículas en suspensión derivadas da actividade no porto interior da Coruña. Recentemente, as nacionalistas criticaran que os pasados 28,29, 30 e 31 de xullo a web da Autoridade Portuaria tampouco recollía os datos horarios das partículas en suspensión, xa que tan só publicaba as medias diarias. O caso máis significativo aconteceu o 26 setembro de 2013, cando desapareceron da web os datos de 15h a 17h, precisamente, no momento en que se superaban os 200 ug/m3.
As descargas do porto, a debate na Eurocámara
Tras manter unha reunión coa directiva da Asociación Oza-A Gaiteira-Os Castros, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou a presentación dunha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre o incumprimento no control das descargas no porto interior da Coruña. A nacionalista solicitará que sexan aplicadas as medidas correctivas pertinentes.