O novo sistema de tramos de tonelaxe de Nostián só beneficia a empresa
A Coruña, 30 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG subliña que o novo sistema de tramos aprobado polo Goberno municipal o pasado venres só beneficia a empresa. Ademais, o Bloque sinala que a relación de tramos no que se estabelece o canon que o Concello terá que pagar por cada unha das tonelaxes que entran na planta de tratamento de residuos de Nostián é ilegal xa que modifica as condicións económicas da concesión.
O BNG lembra que na oferta económica da empresa aprobada en Pleno, o 19 de outubro de 1998, a empresa comprometíase a tratar 182.500 tn/ano. Sobre este compromiso estabelecíanse uns baremos, se a produción era menor de 170 mil tn/ano o concello tiña que pagar un canon de 4682 pesetas máis o 8% e se a produción era igual ou maior de 180 mil tn/ano o canon era por 4682 pesetas. Ademais o 15 de outubro de 2004 houbo unha modificación do canon por incremento de custes, aprobada pola Xunta de Goberno Local, só entre 180 mil e 190 mil tn/ano.
Polo tanto, o normal, subliñan as nacionalistas, sería seguir pagando conforme estes termos, que son os da concesión e os da oferta económica, e non sobre a táboa de tramos aprobada o pasado venres polo Goberno do sr. Negreira, que é ilegal porque implica unha modificación das condicións económicas da concesión e, ao mesmo tempo, beneficia á empresa. E é que, por este novo sistema de tramos, canta menos tonelaxe entre en Nostián, cantos menos residuos se traten, máis beneficios obtén Albada e máis pagará o Concello.
O BNG pon de manifesto que agora se descobre que é o que estaba a agochar o Partido Popular coas negociacións ás escondidas con Albada, un novo canon que só beneficia a empresa e prexudica o Concello, que vai ter que pagar máis a Albada por tratar menos residuos.