#25N: O BNG lanza a campaña "Todas somos elas" contra a violencia machista
A Coruña, 25 de novembro de 2013.- Coa reprodución dun vídeo, http://www.youtube.com/watch?v=u5kV9yIUNbU, e unha raia pintada baixo os ollos, así compareceron esta mañá ante os medios de comunicación as concelleiras do BNG María Xosé Bravo, Avia Veira e mais a responsábel de Acción Feminista do BNG na comarca, Vitoria Louro, para presentar a campaña iniciada polas nacionalistas ao redor do Día internacional contra a violencia machista.
A responsábel de Acción Feminista do BNG na comarca explicou o sentido de Todas somos elas, unha campaña que se está a espallar nas redes sociais e que ten dous obxectivos: visibilizar o problema e seguir avanzando en concienciar á sociedade na tolerancia cero contra esta lacra. Así, Vitoria Louro convidou a xente a se sumar a esta iniciativa que consiste en modificar a foto de perfil no Twiter e no Facebook por outra imaxe simbólica cunha raia negra ou vermella pintada baixo o ollo.
Esta campaña complétase co acto que terá lugar na tarde de hoxe, ás 20h, no adro da igrexa de San Nicolás, un acto público de denuncia e combate, en palabras de Vitoria Louro, que contará cunha performance sorpresa. Amais destas iniciativas, o BNG tamén utilizou a canle institucional para denunciar na pasada sesión plenaria a violencia machista coa presentación dun rogo oral que facía fincapé nos graves recortes do PP contra as vítimas que sofren esta lacra.
A continuación, a responsábel de Acción Feminista do BNG puxo de manifesto que esta campaña específica con motivo do 25N non esgota o traballo do BNG, que non limita a loita contra a un día concreto, senón que desenvolve unha acción política e social permanente que nos ten que implicar a todos e todas, homes e mulleres, que nin practicamos, nin consentimos a violencia machista.
Ademais de visibilizar e concienciar sobre este problema social, a concelleira María Xosé Bravo presentou catro propostas concretas da formación nacionalista para combater a violencia machista, no ámbito económico, sanitario e xudicial.
O BNG propón combater a violencia machista no eido económico, sanitario e xudicial
María Xosé Bravo propuxo aumentar as axudas ás mulleres maltratadas, o denominado salario da liberdade, de 12 a 18 meses prorrogábel até 24 meses, medidas específicas no ámbito da formación e do emprego que facilite o acceso a un posto de traballo a este colectivo, asistencia psicolóxica ás vítimas desde a sanidade pública e, por último, xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades.
A concelleira do BNG explicou que en termos económicos, incrementar as axudas só lle suporía á Xunta de Galiza entre 800.000 e 1 millón de euros, moito menos do que o PP gasta en festas na cidade da Coruña (máis de 2 millóns de euros). Ademais, a edila nacionalista demandou o desenvolvemento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero, aprobada en 2007, que o Goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater este problema. Lembrou que só no que vai de ano, a violencia machista acabou coa vida a 44 mulleres só en Galiza.
O BNG non se suma á declaración nin ao acto institucional do Goberno do Sr. Negreira dados os graves tesoirazos do PP en recursos de loita contra a violencia de xénero
Pola outra banda, María Xosé Bravo deu conta na rolda de prensa da decisión do BNG da Coruña de non sumarse nin á declaración nin ao acto institucional do Goberno do Sr. Negreira con motivo do 25 de novembro. A nacionalista expuxo que o BNG non pode participar dunha farsa, nin dunha hipocrisía nin dunha pantomima de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai. Apelou, a continuación, aos graves recortes do PP en materia de dereitos da muller alá onde goberna.
Ademais de criticar os recortes continuados en política de igualdade a razón de 25 millóns de euros anuais, 125 millóns de euros menos desde que Feijóo preside o Executivo, María Xosé Bravo reprobou que o Goberno do Sr. Negreira suprimira a Concellaría de Igualdade do organigrama e advertiu de que o PP está a piques de prohibir o aborto libre e gratuíto en todo o Estado español. Ningún minuto de silencio, ningunha declaración institucional, ningún acto... xustifica que o PP lexisle en contra das mulleres, concluíu a concelleira do BNG.