O BNG denuncia que é inxustificábel excluír unha menor con diversidade funcional dun campamento
A Coruña, 20 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera inxustificábel a decisión do Goberno do Sr. Negreira de deixar fóra dos campamentos urbanos organizados pola Concellaría de Cultura no Ágora e do Fórum unha nena de 4 anos con diversidade funcional. Ademais, as nacionalistas acusan o portavoz do Goberno municipal de mentir de xeito descarado, pois o 100% dos campamentos organizados pola Concellaría de Cultura e que teñen lugar no Ágora e no Fórum exclúen as crianzas con necesidades especiais, tal e como xa advertía o díptico do propio Concello (achégase xunto á nota de prensa), e por dicir que se lles ofreceron alternativas á familia da menor. Lembra o Bloque que, a dous meses do comezo dos campamentos, a concelleira de Cultura se comprometera coa nai da rapaza a adoptar medidas para admitir a nena; porén, nada fixo e nin sequera chegou a responder aos escritos e chamadas posteriores desta familia.
Pola outra banda, o Grupo municipal do BNG recupera lacónica a resposta do Goberno do Sr. Negreira á batería de preguntas formuladas polo BNG (achéganse xunto á nota): O Goberno municipal cumpre sempre a lexislación vixente, unha contestación que demostra o desinterese do Goberno do Sr. Negreira pola problemática.
O Grupo Municipal do BNG lémbralle ao Goberno do Sr. Negreira a obriga que ten o Concello, como administración pública, de atender a diversidade funcional, mesmo nas actividades de lecer, para que a vida destes rapaces e rapazas se desenvolva coa maior normalidade e en pé de igualdade co resto dos nenos e nenas.