O BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira polos usos do edificio do antigo Goberno Militar
A Coruña, 21 de agosto de 2014- Dado que o Goberno do Sr. Negreira segue a negarse a dar explicacións sobre os usos que se lle darán ao edificio do antigo Goberno Militar aínda esta mañá o Concello emitía un comunicado á prensa informando da finalización do prazo para a presentación ao proxecto de rehabilitación e restruturación parcial do edificio-, Grupo Municipal do BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de sacar á luz o destino do inmoble de Veeduría. E é que despois de acceder ao citado proxecto, o BNG revelou que, amais de acoller o centro cívico, se trasladarán ao edificio do antigo Goberno Militar o Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide, o Centro Galego de Artes e da Imaxe (CGAI) e a Biblioteca de Estudos Locais, situados no edificio que o Concello ten en Durán Loriga número 10, amais de sedes de diversas academias.
Neste contexto de mutismo total por parte do Goberno municipal do PP, o Grupo Municipal do BNG pregunta se o servizo municipal de bibliotecas ve positivo o traslado da Biblioteca de Estudos Locais ao edificio da rúa Veeduría, que vai suceder co arquivo municipal que alberga o edificio de Durán Loriga, que quedaría no edificio de Durán Loriga tras os traslados contemplados no proxecto e que vai acontecer cos espazos que queden baleiros no inmoble de Durán Loriga.
Confusión co nome Salvador de Madariaga e xestións coa Xunta de Galiza
Ademais, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se sabe que o espazo de Durán Loriga 10 é denominado Casa da Cultura Salvador de Madariaga, precisamente, o mesmo nome que lle quere poñer o Goberno do Sr. Negreira ao edificio do antigo Goberno militar.
Por último, as nacionalistas queren saber se o Goberno municipal está a desenvolver algunha xestión coa Xunta de Galiza para que se reserve unha partida dos orzamentos municipais ao edificio da rúa Veeduría, tendo en conta que o proxecto contempla o traslado do CGAI, un ente que pertence á Xunta de Galiza e non ao Concello da Coruña.