O PP modificou as condicións urbanísticas do sector SURT 3 Vío, en beneficio dos promotores
A Coruña, 9 de agosto de 2014.- En relación coa aprobación no día de onte en Xunta de Goberno Local da concesión das licenzas para a construción e para apertura dunha nave no Polígono de Vío, o Grupo Muncipal do BNG lembra que o Partido Popular modificou as condicións urbanísticas do sector SURT 3 Vío, en beneficio dos promotores (Jove e Collazo). Así, o Concello da Coruña asume un custe económico no Polígono de Vío que lle corresponde exclusivamente aos promotores.
As nacionalistas salientan que o Plan Xeral, aprobado polo PP, pon de manifesto os beneficios que obteñen os propietarios do polígono de Vío por conta do concello. De acordo co estabelecido no PXOM, o custe total da actuación do sistema xeral e local viario na estrada 3ª rolda-Polígono de Vío (VG-1) ascende a un total de 32.092.000 euros. Pois ben, a pesar de tratarse dun sistema xeral directamente ligado a un sector de solo urbanizábel (SURT 3), correspondendo custear e, no seu caso, executar as infraestruturas de conexión cos sistemas xerais existentes aos propietarios (sr. Jove e sr. Collazo), resulta que o Concello da Coruña asume o 30% desta actuación que ascende a 9,6 millóns de euros.
A razón pódese atopar analizando de novo o PXOM, concretamente a ficha urbanística SURT3 na que aos promotores se lles permite non construír o viario VG-S4.01 (de conexión do polígono coa estrada Mesoiro-Uxes), a cambio de asumir o 70% da execución das obras do viario VG-1, estrada Rolda Terceira-Polígono de Vío (*), de enlace co porto exterior, cando en realidade deberían de asumir o 100% das obras de dito sistema xeral. Un cambiazo que beneficia especialmente aos promotores, e quedando obrigado o concello a abonar o 30% dunha obra que deberían asumir na súa totalidade os promotores da actuación.
(*) Ficha do SURT-3-PXOM :
Se sustituye la obligación de obtener el suelo para la ejecución del vial Sur VG-S4.01 por la obtención del Norte VG-1 que conecta el ámbito con la Tercera Ronda