O BNG denuncia a colaboración do Goberno municipal da Coruña nunha actividade sexista
A Coruña, 27 de xaneiro de 2014.- A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, denuncia que o Goberno do Sr. Negreira colaborou na organización dunha actividade dunha asociación, que se define como cultural de labores artesáns, cuxo cartaz é claramente sexista e reproduce os roles tradicionais das mulleres. O cartaz desta actividade recolle o debuxo de dúas nenas cosendo e calcetando, incorpora o topónimo ilegal da cidade e inclúe o logotipo do Concello da Coruña, dado que colabora a Concellaría de Deportes.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá por rexistro unha serie de preguntas para a resposta escrita para coñecer a opinión do Goberno do Sr. Negreira sobre este cartaz, para saber de que forma colaborou o Concello da Coruña e para coñecer por que colaborou o Concello sendo unha actividade claramente sexista.
A igualdade para o PP non existe e demóstrao nas leis que aproba, tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno central, e que aplauden coas orellas o Sr. Negreira e mais os seus concelleiros e concelleiras
Para Vitoria Louro a colaboración do Concello con esta actividade responde ao proxecto ideolóxico do Partido Popular: manternos as mulleres no ámbito doméstico, ocupándonos das tarefas do fogar e impedindo a nosa autonomía. A igualdade para o PP non existe e demóstrao nas leis que aproba, tanto desde a Xunta de Galiza como desde o Goberno central, e que aplauden coas orellas o Sr. Negreira e mais os seus concelleiros e concelleiras, denuncia.
Refírese á Lei da Familia ou á ILP da Red Madre asumida polo Goberno de Feijóo, así como á modificación brutal da lei do aborto vixente na actualidade, da que tamén son cómplices o Sr. Negreira, como presidente provincial do PP, e o Sr. Feijóo, como presidente do PP en Galiza, por non lle dar liberdade de voto aos concelleiros e concelleiras e deputados e deputadas do seu partido.