O BNG demándalle ao Sr. Negreira que garanta o dereito de acceso á información no caso do PMUS
A Coruña, 21 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que, en vésperas de facerse un mes desde a solicitude de acceso ao Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (achégase dixitalizada), aínda non puido ler o documento.
As nacionalistas, logo de ser informadas de que estaba concedido o acceso, denuncian que non recibiron máis que largas do departamento de Mobilidade, do que é responsábel a concelleira Begoña Freire. De feito, logo de tentar concertar un cita co funcionario encargado, a propia concelleira manifestoulle ao Grupo Municipal do BNG que tería que estar ela presente no momento en que as edís nacionalistas estivesen examinando o Plan.
O BNG da Coruña demándalle ao Goberno do Sr. Negreira que garanta o dereito de acceso á información das edís nacionalistas e que lle permita acceder ao documento, logo dun mes desde que o solicitaron as nacionalistas.
Así mesmo, o Bloque Nacionalista Galego reclama que o Goberno municipal cumpra co que se comprometeu, é dicir, que publique canto antes o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel na súa web para información tamén de todo o pobo coruñés.
Por último, as nacionalistas destacan que a queixa da Asociación de Empresarios de Pocomaco demostra que o proceso de información está a resultar tan deficitario como o de participación.