O BNG advirte de que deben tomarse medidas para mellorar as condicións para a circulación ciclista
A Coruña, 26 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG alerta de que as melloras na oferta do servizo de Bicicoruña anunciada polo Goberno Municipal dentro das medidas do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel non vai servir de nada entanto que non se implementen medidas para mellorar as condicións para a circulación ciclista na cidade.
Tendo en conta o coñecemento do Plan tamén no que se refire á bicicleta pois o PMUS aínda non é accesíbel para a totalidade da cidadanía da Coruña, as nacionalistas sinalan que non só se deben aumentar as estacións de Bicicoruña senón os aparcamentos para bibicletas, por exemplo na contorna dos centros educativos ou o estabelecemento de ancoraxes para bicicletas en máis liñas de autobús que as que chegan á Universidade.
O Bloque Nacionalista Galego advirte de que é necesaria unha mudanza na xestión do servizo de Bicicoruña pois, segundo a liquidación e o orzamento de EMVSA para o ano 2014, a empresa municipal ten un importante déficit de explotación motivado polos custes do seu mantemento.
Seguimos sen poder acceder o PMUS, e demandamos que o Goberno municipal publique na súa web a totalidade do Plan, logo dun mes desde que se presentou publicamente
Por outra banda, o BNG da Coruña demanda que segue sen ter acceso ao PMUS debido a falta de dilixencia da Concellaría de Mobilidade, pois xa ten o permiso para ir ver o documento e só falta a chamada da concelleira Begoña Freire, mais tamén que se publique na páxina web do Plan para o coñecemento de todo o pobo coruñés.
As nacionalistas lembran que xa hai un mes que se fixo público o PMUS na reunión cos grupos da oposición e ás entidades sociais da cidade no Ágora, e aínda non foi subida nin a primeira páxina na web do Plan, algo ao que se comprometeu o Goberno do Sr. Negreira.