O BNG denuncia que a Ría do Burgo está a converterse tamén nun problema de seguridade para cidadanía
A Coruña, 17 de marzo de 2014.-O Grupo Municipal do BNG sinala que a este paso a Ría do Burgo non vai ser só un problema de saúde medioambiental dada a calamitosa situación de contaminación e deterioro que se encontra este espazo natural con consecuencias negativas para o medio ambiente e o sector marisqueiro, senón que vai camiño de converterse nun problema de seguridade para as propias persoas que viven desta ría ou gozan deste espazo no seu tempo de lecer.
E é que despois de coñecer a nova de que un neno quedou atrapado até a cintura polo fango da ría do Burgo ao caer mentres estaba a xogar, tendo que ser resgatado pola súa propia familia, as nacionalistas lembran que os espazos das beiras son moi frecuentados por persoas de todas as idades, desde crianzas até maiores, para pasear, brincar, facer deporte...e que cómpre adoptar as medidas necesarias para evitar riscos maiores por causa das cantidades inmensas de fango que alí hai. Alén disto, o BNG segue a denunciar o desleixo e incumprimentos das administracións da Xunta de Galiza e do Goberno central ante o problema medioambiental de primeira orde que vive a Ría do Burgo e a nula vontade política destas administracións, gobernadas polo PP, para a sanear e rexenerar integralmente e así recuperar os bancos marisqueiros e poder dispor deste espazo para gozo e lecer da cidadanía.