O BNG acusa o PP de "dar a nota" ao gastar unha millonada na festa dos 38 días de María Pita
A Coruña, 18 de xullo de 2014- Facendo uso do lema das festas de María Pita 2014, o Grupo Municipal do BNG acusa o Partido Popular de dar a nota ao gastar unha millonada nestas festas que durarán 38 días. O Bloque considera unha barbaridade este gasto desmedido en festas e advirte de que a Conta Xeral do Concello correspondente a 2013 revela que só o IMCE gastou en festas (María Pita, San Xoán, Nadal, Semana Santa, Rosario e Entrioido) un total de 3.560.130 euros. E nesta cantidade, salientan as nacionalistas, non se contemplan nin os gastos xenéricos do IMCE, como o persoal, nin os gastos que fan outros departamentos municipais, como os derivados do Consorcio para a Promoción da Música, da Banda de Música, da Escola Municipal da Música..., nin doutras concellarías, como a de Turismo, a de Medio Ambiente ou a propia Alcaldía.
Así, segundo os datos da Conta Xeral, o IMCE gastou un total de 6.554.281 euros en 2013, dos que un 60% (3.560.130 euros) se corresponden cos gastos en festas, perto dun 22% con gastos en Cultura e perto doutro 22% con gastos xerais administrativos, como persoal, gastos fixos, materiais...
Na mesma liña, o Grupo Municipal do BNG chama a atención sobre o aumento progresivo do total de gastos do IMCE desde que goberna o Partido Popular e en coincidencia coa crise, tal e como se recolle nesta táboa. Así, mentres no 2011, último ano do anterior goberno, se gastaron 4,76 millóns, o PP gastou 5,20 millóns no 2012 e no 6.55 no 2013.
ANOS 2009 2010 2011 2012 2013
TOTAL GASTOS IMCE 5.441.341 5.202.089 4.761.897 5.220.000 6.554.281
Por último, o Grupo Municipal do BNG contrapón a millonada que gasta o Goberno do Sr. Negreira en festas e os 38 días de troula co abandono ao que somete as festas organizadas polas asociacións veciñais, ás que, en boa parte dos casos, lles paga tan só o enganche eléctrico das festas.