O BNG da Coruña rebélase contra a lei do aborto que prepara o PP ao ditado dos ultras
A Coruña, 27 de maio de 2013.- "300 niños mueren cada día por aborto. Derogue ya la Ley Aído, Señor Ministro". Con este lema de fondo e a imaxe de Gallardón, nun grande valado publicitario do colectivo ultra Derecho a Vivir, a concelleira do BNG, Avia Veira, e a responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, presentaron a moción que as nacionalistas levarán ao Pleno ordinario de xuño en defensa dun aborto libre e gratuíto e para a restitución da atención ás mulleres no centro de orientación familiar (COF) do Ventorrillo.
A edila nacionalista sinalou, en declaracións aos medios diante deste simbólico cartaz, que "coa reforma da lei actual, Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, o PP faranos retroceder máis alá do 1985". "Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Partido Popular pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos, como os que fixeron este valado propagandístico, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios", apuntou.
"Esta nova lei vai provocar que se regrese a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos, ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas", advertiu. "Isto, como ben se comprobou en tempos pasados, supón un grave risco para a saúde das mulleres", alertou.
Avia Veira lembrou que a norma actual permite que as mulleres poidan abortar sen alegar motivo até a semana 14 e até a semana 22 en caso de grave risco. Esta nova lei, segundo o adiantado polo propio Gallardón, suporá o regreso a unha lei de supostos esencialmente similar á de 1985, derrogando a de prazos, que fica vixente desde 2010. Dos tres supostos en que a interrupción voluntaria do embarazo era daquela legal, o ministro dixo que o de violación se mantería e que o de malformación do feto desaparecería.
A contrarreforma do PP prevé eliminar a educación sexual e afectiva nas escolas
Na mesma liña, a concelleira do BNG criticou que a contrarreforma do Partido Popular prevé eliminar a educación sexual e afectiva nas escolas e impulsar os centros privados financiados con cartos públicos que prestan atención á saúde das mulleres e que están xestionados por organizacións afíns ou directamente vinculadas ao Opus Dei.
Puxo como son todos aqueles colectivos que figuran na Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade, publicada pola secretaría xeral de Igualdade e onde figuran Red Madre, Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Cáritas, Residencia de las Siervas de la Pasión, Betanía de Jesús el Nazareno ou Dignidad, cuxa ideoloxía ultrarrelixiosa fica clara.
A lei actual "moi mellorábel"
A concelleira do BNG salientou que a entrada en vigor da lei en vigor "supuxo un paso importante á hora de reducir as barreiras que limitaban o acceso das mulleres ao aborto, aínda que presenta aspectos moi mellorábeis". Citou a non regulación da obxección de conciencia, a privatización da prestación, a estigmatización de quen practica interrupcións voluntarias do embarazo, a minusvaloración das mulleres ao impor un período de reflexión obrigatorio unha vez comunicada a intención de interromper o embarazo ou a obrigatoriedade de recibir información acerca das axudas ás nais".
"Esta situación é claramente corrixíbel de existir vontade política", salientou. "Só existindo unha oferta desde o ámbito público se pode garantir o acceso igualitario a esta prestación en todo o territorio galego", engadiu.
O BNG pedirá en Pleno que todos os hospitais públicos galegos atendan os abortos e que se restaure o funcionamento do COF do Ventorrillo
Para mudar este contexto, o Grupo Municipal do BNG pedirá en Pleno instar a Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a manter e aplicar a actual lei do aborto e a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
Ademais, reclamarán emprazar o SERGAS a trasladar a xinecóloga que está a prestar atención sanitaria no Hospital Materno Infantil unha tarde á semana ás instalacións do COF do Ventorrillo e que aumente o seu horario a tempo completo para garantir unha atención integral á saúde sexual e reprodutiva das mulleres.
Tamén demandarán que a Xunta de Galiza garanta que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva. Para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza. Na mesma liña, solicitarán que a Xunta de Galiza poña en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
E, tamén, reclamarán que o Concello desenvolva unha campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.
Concentración esta tarde, ás 20.30h, diante da Delegación do Goberno
Pola súa banda, a responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, salientou que, no día de hoxe, o BNG da comarca da Coruña comeza a campaña en defensa do aborto libre e de balde baixo o lema O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto. Ás 20.30h, as nacionalistas convocan unha concentración diante da Delegación do Goberno (na Praza de Ourense). Sinalou que, de maneira moi especial, o BNG acompañará a mobilización nacional convocada pola plataforma para o próximo 16 de xuño e anunciou a presentación da moción en defensa do aborto libre e de balde en todos os concellos da comarca.