O BNG culpa a Feijóo, a Mato e a Jove do ERE de 201 traballadoras en Caramelo
A Coruña, 24 de maio de 2013.- O BNG da Coruña considera que os culpábeis do ERE de 201 traballadores que a firma de moda Caramelo presentou esta mañá perante a autoridade xudicial teñen nome: o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira coruñesa Beatriz Mato e o empresario Manuel Jove. Así, as nacionalistas responsabilizan destes despedimentos o Partido Popular na medida en que a Xunta de Galiza segue a ter o 8% de participacións na empresa e dado que o Goberno galego lle concedeu á compañía 5 millóns de euros en axudas condicionados ao mantemento dos postos de traballo. Precisamente, a Xunta deulle os 5 millóns á empresa apenas dez meses despois de que a amiga do Sr. Negreira, Beatriz Mato, autorizara o ERE de 237 persoas no 2009.
O BNG sinala que o ERE que se vén de anunciar ratifica o posicionamento das nacionalistas no 2009, cando rexeitaban, de cheo, os 237 despedimentos. As nacionalistas advertían, ao contrario do que afirmaba o PP, que o ERE de 237 persoas non ía garantir a continuidade do resto dos postos de traballo. De feito, desde ese ERE de 2009, Caramelo seguiu despedindo, aos poucos, persoal.
O BNG pon de manifesto que o anuncio do ERE supón un novo golpe nos fuciños ao Sr. Negreira, que nada fai por loitar contra a destrución de postos de traballo na cidade, a Feijóo e á coruñesa Beatriz Mato, fiel e activa defensora do ERE de 2009, ao asegurar que era imprescindíbel para manter o resto dos postos de traballo.
O BNG reclama no Parlamento de Galiza o mantemento do emprego en Caramelo
No mes de abril, unha vez se coñeceu que a empresa de Jove entrou en concurso de acredores, o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, presentou unha batería de iniciativas na Cámara galega, en que empraza a Xunta de Galiza, con carácter de urxencia, a que lle exixa á empresa o mantemento do emprego, e no caso de non o asegurar, a devolución íntegra da axuda concedida polo Goberno galego á firma de moda en febreiro de 2010, así como as oportunas explicacións e xustificacións do proxecto industrial para o que se destinaron 5 millóns de euros.
Nestas iniciativas, que aínda non foron debatidas, o BNG pídelle á Xunta de Galiza que dea conta no Parlamento galego das medidas de vixilancia e control adoptadas para garantir o cumprimento por parte da empresa Caramelo de todos e cada un dos requisitos aparellados á concesión de 5 millóns.